A Xunta alega ante o Ministerio unha evolución positiva dos acuíferos contaminados na Limia

Se se confirman as análises procederá a decretar áreas vulnerables con períodos de prohibición de fertilizantes.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2019 | Actualizada ás 14:54

Comparte esta noticia

O director xeral de Gandaría, José Balseiros, explicou que a Xunta presentou alegacións ante as cinco zonas detectadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica con contaminación por nitratos en acuíferos na comarca ourensá da Limia.

En resposta a unha pregunta do Grupo Común da Esquerda no Parlamento galego, Balseiros indicou que o Ministerio detectou unha concentración de nitratos en catro estaciós de auga subterráneas e unha canle superficial nos municipios de Xinzo (2), Sandiás, Trasmiras e Lobios.

Respecto diso, o Goberno galego realizou alegacións, xa que en tres dos casos obsérvase unha "evolución positiva" nos últimos anos que "non xustifica a súa inclusión" nesta listaxe, ao haber unha "tendencia á baixa" de nitratos no últimos tres anos. Ademais, apunta que hai outro caso no que se ve "un claro erro de identificación", posto que "nunca tivo valores" de risco.

Ademais, sobre a contaminación por nitratos identificada no encoro ourensán das Cunchas, o director xeral de Gandaría defende que "non pode atribuírse á actividade agraria en exclusiva", pois lembra que existe unha falta de renovación na auga polas épocas de seca.

Así mesmo, subliña que, no caso de que se determine finalmente a existencia desta concentración, a Xunta procederá a definir estas áreas como zonas vulnerables, con períodos de prohibición de fertilizantes e diferentes controis sobre fosas de xurros, cun seguimento do código galego de prácticas agrarias.

Respecto diso, o deputado Antón Sánchez (Común da Esquerda) acusou á Consellería de Medio Rural de "non facer nada" e de "negar" este problema durante tempo. En cambio, Balseiros considera "absurdo criminalizar" o sector gandeiro na Limia como "único responsable" da contaminación.

CENSO DE XABARÍS

Por outra banda, nesta comisión Balseiros reiterou as peticións trasladadas esta semana ao Ministerio de Agricultura para que se cree un censo estatal de xabarís, así como que se tomen medidas cun criterio "uniforme e único".

En resposta ás críticas do BNG, defendeu as medidas da Xunta para abater xabarís, dado que provocan o "25 por cento de todos os accidentes", á vez que provocan danos en cultivo e son un posible risco de enfermidades como a peste porcina africana.

Así mesmo, Balseiros xustificou que outras comunidades hai "aínda máis facilidade", con "case carta branca" para eliminar xabarís, mentres en países como Alemaña ou Francia o exército acaba con eles polas noites "con silenciador".

O director xeral de Gandaría, José Balseiros, na Comisión de Agricultura
O director xeral de Gandaría, José Balseiros, na Comisión de Agricultura | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta