Os promotores en chan urbano non consolidado poderán substituír a entrega do 10% ao Concello por diñeiro

Antón Sánchez censura que a Xunta aboge por "reducir" o patrimonio público do chan cando hai 14.000 demandantes de vivenda protexida.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2019 | Actualizada ás 19:28

Comparte esta noticia

Os promotores en chan urbano non consolidado poderán substituír a entrega ao concello do 10% do aproveitamento tipo da área diñeiro, segundo unha modificación da normativa do Chan de Galicia que inclúe a Xunta na lei de medidas fiscais e administrativas que acompañan aos orzamentos de 2020.

En concreto, o artigo 21 da Lei do Chan de Galicia estipulaba que os propietarios en chan urbano non consolidado (aquelas partes da cidade nas que son precisas operacións para completar a urbanización ou se prevén operacións de renovación urbana) cedesen de forma obrigatoria e gratuíta esta porcentaxe ás Administracións locais.

Con todo, a modificación incluída sinala que este "deber de cesión deberá cumprirse", no caso de que o concello estea conforme, "mediante a substitución da entrega de chan polo seu valor en metálico, que deberá integrarse no patrimonio público do chan, excepto cando poida cumprirse con chan destinado a vivenda sometida a algún tipo de réxime de protección pública en virtude da reserva que puidese resultar esixible".

Vivenda de protección oficial en Vigo
Vivenda de protección oficial en Vigo | Fonte: Miguel Núñez

COMÚN DA ESQUERDA

Precisamente, unha vez publicada a coñecida como lei de acompañamento dos orzamentos, o deputado do Grupo Común da Esquerda Antón Sánchez censurou que a Xunta aposte por "reducir o patrimonio público".

O tamén líder de Anova lembra que esta é a "sexta modificación en tan só tres anos" da Lei do Chan, un cambio co que, na súa opinión, se recupera a "monetarización das cesións do chan". "Unha das peores prácticas urbanísticas dos anos da burbulla inmobiliaria", considera.

"Isto significa, unha vez máis, renunciar ao fortalecemento das políticas públicas de vivenda, empobreciendo o patrimonio público do chan para atender ás demandas históricas dos lobbies promotores", denuncia.

Antón Sánchez considera a medida de "especial gravidade" nun contexto no que "existen máis de 14.000 demandantes de vivenda de protección sen resposta por parte das administracións" e "no que hai desafiuzamentos". Así, lembra que o chan público en mans dos concellos é "un dos instrumentos indispensables para a promoción pública da vivenda".

Ademais, para o parlamentario do Grupo Común da Esquerda, os cambios introducidos tamén "demostran o caótico proceder lexislativo da Xunta, que contabiliza dúas reformas da Lei do Chan anuais desde a súa entrada en vigor" como "mostra da constante improvisación para o beneficio da actividade especulativa dos lobbies".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Manuel Jove en Vigo vai aforrar unha morea de cartos !!! Dálle vinte pesos a Abel e toda a vivenda pasa a ser LIBRE !!! Así xa non hai que discutir para ver a quen lle toca a Vivenda Protexida !!! E os cartos pódense gastar en luces de Nadal !!! https://flic.kr/p/29jMB28