Por Gabriel Rei-Doval | Sequim (Washington, USA) | 21/10/2019 | Actualizada ás 11:00
Da outra banda da ría, volvín procura-la Ruta Real no seu extremo noroeste e, sempre fiel ó espírito indianajones mugardés, saín con Auris desde Kingston ata Port Gamble. Alí, en lugar de cruzarmos dirección oeste cara a Squamish Harbor pola Highway 104, puxemos rumbo á sureña Sunbeach para despois, preto de Shelton, conectar coa 101 á beira de Isabella Lake. Logo atravesamos Mill Creek e a ruta, aburrida ata Potlatch e o vieiro costeiro xunta ó Hood Canal, mudou camiño de Brinnon e Discovery Bay. A beleza do percorrido ata a coqueta Blyn sen dúbida merecera o desvío.
A partir de alí a tradición Klallam e o deseño estilizado amalgamábanse lonxe de calquera refugallo de feísmo. Polo menos iso me pareceu na longa mañá de pedra e madeira ata Sequim. A xornada pola costa noroccidental de Washington aínda había rematar en Port Angeles, mais quedaba antes outro reencontro co lado escuro do ser humano.
Sen moitos lugares onde molla-la palleta, dei en entrar no bar-restaurante de 7 Cedars Casino, que apelaba á estética indíxena en harmonía orzamentaria co benestar tribal S’Klallam. Sentei sen prexuízos nun extremo da barra na procura de empatía humana. E, como raio que non cesa, velaí estaba, no outro extremo e absorto en acalorado monólogo, pesadelo Rob, observado polo paciente camareiro nativoamericano á procura da preceptiva propina.
O camareiro de pelo laso e ollos negros rasgados escoitaba con discreción as rebordantes palabras de Rob sobre a ruta e ulterior coronación, o día seguinte, de Mount Deception. Tentou suxerirlle que non por acaso montañeiros expertos bautizaran o cumio como Mount Deception, mais Rob deliraba con enganar e seducir (que para el eran o mesmo) incluso as montañas de Washington. E, no seu desvarío a tumba aberta, prometeu completa-la dominación da natureza ó escalar, ó outro día, tamén Mount Olympus, o antigo cumio nevado de Santa Rosalía, antes de retornar triunfante a Seattle.
En rematando o seu relato conquistador superlativo, xurdiu a verdadeira senrazón de tanto exceso masculino alfa: quería vingarse do seu vello amigo Chuck, o mesmo con quen medrara en Seattle nas rúas de Bitter Lake, en premonición toponímica da súa vida actual.
Co gallo de evitar queimadura emocional por prolongada exposición a erupción mental made in Seattle, fun escorregando polo lateral do restaurante e sentei no sofá de skai que, separado por un eficaz biombo, facía angulo recto co final da barra. Alí, parapetado daquela mente escura do noroeste, agardei ser atendido pola camareira de sala. Liz, con sorriso Marilyn Whirlwind, suave ollar rasgado e formas láconicas, derreteu a miña resistencia inicial e convenceume das bondades do xantar seafood dual de boi e salmón.
Mentres eu agardaba polo marisco, Rob encetaba a sexta pinta de Tomahawk Single Hop IPA sobre a barra ovalada do black lodge, ó outro lado do biombo. A súa mente soaba como reactor termonuclear impactado por cicloxénese lupular explosiva, coa voz a oscilarlle entre a culpa allea e a creba emocional propia. As descargas eléctricas das nubes etílicas sobre o seu lóbulo frontal explicaban a intensidade dos desvaríos argumentais e a orixe de tanta furia escaladora.
Con voz case crebada, Rob comezou a relata-la frustración de non saber se o pequeno que agardaba Jodie era o seu primoxénito ou fillo bastardo do seu amigo da infancia. Mentres a refrescante Octoberfest comezaba a molla-la miña palleta, imaxinaba as espirais turbias que os intensos ollos azuis de pesadelo Rob debían estar emitindo alén do biombo. A falta de empatía humana e as feridas da infancia acabaran trepanándolle a mente de vez no sempre individualista universo estadounidense.
Chuck pasara a ser na mente termonuclear de Rob unha mestura traizoenta de Xudas Iscariote e o covarde Robert Ford disparando a Jesse James, mentres a suposta relación de Chuck con Jodie lle resultaba máis condenable ca a conspiración dos Rosenberg trala Gran Depresión do 29. Por iso a súa fabulación traizoeira proxectaba sazonar a cámara lenta a contundente resposta, mentres o seu maxín maceraba de vagariño o debido castigo.
A súa, afirmou con carraxe contida, era moito peor ca a aldraxe do Conde de Montecristo. En realidade -porfiou- sería a vinganza do Conde de Monte Olimpo. E non había présa. Tiña media vida por diante para acabar con Chuck e Jodie.