Veciños de Teo convocan unha manifestación para este domingo contra as obras na canteira de Casalonga

Esta mesma semana a Plataforma Casalonga Limpa de Residuos denunciaba o inicio de obras de baleirado da lagoa na antiga canteira, mentres acusa a Augas de Galicia de “mirar para outro lado”.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2019 | Actualizada ás 16:53

Comparte esta noticia

Casalonga Limpa de Residuos convoca unha manifestación para este domingo 27 de outubro ás 11 da mañá na vella canteira de Casalonga. Queren protestar así contra o baleirado da lagoa que se creou nos terreos da antiga explotación de áridos. Dita superficie lacustre está sendo baleirada por maquinaria pesada desviando a súa auga cara os ríos Sar e Ulla a través do rego Francos.

Concentración de veciños en Casalonga
Concentración de veciños en Casalonga | Fonte: Plataforma Casalonga

Segundo teñen manifestado desde a plataforma veciñal convocante da manifestación, as augas baleiradas trasladarán aos ríos especies invasoras, como carpas e as sementes de herba da pampa, entre outras, o que provocaría a proliferación nos ríos e nas súas contornas, destes especimes invasores.

Por outra banda, a plataforma indica que a actual actividade “só serve de engano para logo encher os buratos de resíduos e convertilo nun vertedoiro. Un negocio redondo e indigno contra o que a veciñanza xa leva máis dun ano loitando”. Xunto a isto, tamén denuncian que “Augas de Galicia non está a facer o seu traballo” pois “a Plataforma está a presentar unha denuncia a Augas de Galicia por ter autorizado o baleirado da lagoa baseado nun estudo feito fai máis dunha década, cando aínda non existía a lagoa como tal”.

Ademais acusan á Dirección Xeral de Minas de responder “co silencio á nosa solicitude de paralización cautelar da actividade”. Os motivos que alegan para parar o baleirado son que “existe un expediente aberto por caducidade da actividade mineira que se agrava coas numerosas infraccións cometidas estes días por parte da empresa”. A isto súmanlle que o plan de restauración presentado “ten máis de mil alegacións pendentes de contestación”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta