Por Europa Press / Redacción | Poio | 05/11/2019 | Actualizada ás 16:11
A quinta edición do Festival de curtametraxes Armadiña arrincará o vindeiro luns 11 de novembro para encher durante unha semana a vila mariñeira de Combarro de proxeccións audiovisuais e talleres relacionados coa produción cinematográfica.
Este martes presentouse este festival no Casal de Ferreirós, no municipio pontevedrés de Poio, por parte de Tamara de Andrés, Marco Otero e Adrián Porima, membros da organización, xunto a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez.
A principal novidade desta edición radica en que para participar no certame é obrigatorio que a lingua, a dirección, a produción ou as localizacións sexan galegas.
Este cambio nas bases reduciu o volume de traballos recibidos, pero a calidade non se resentiu, segundo sinalaron por parte da organización.
En concreto, seleccionáronse 21 curtametraxes das máis de 60 pezas presentadas, que competirán nas seccións de animación e na oficial. Mentres que ao premio a mellor videoclip opta unha decena de obras das máis de vinte que chegaron á sede da Asociación Armadiña, organizadora deste certame.
Tamén é novidade o cambio do local no que se proxectarán as curtametraxes, que será no Fogar Armadiña de Combarro, mentres que a gala final está prevista para o domingo 17 ás 19,00 horas no centro cultural Xaime Illa.
TALLERES
A programación comezará o vindeiro luns co primeiro do tres talleres convocados que terán lugar os días 11, 12 e 13 de novembro e centraranse na produción, a cargo de Laura Doval; o son, impartido por Pablo Viña; e a interpretación, dirixido polo actor Xosé Manuel Esperante.
O día 14 estará dedicado ao público infantil cunha camiñada polas praias de Combarro ata o Fogar Armadiña para falar de cinema. Na sede da organización terá lugar unha sesión de contacontos sobre a cineasta Alice Guy a cargo de Raquel Queizás e a xornada concluirá coa proxección do documental 'Idénticas'.
As proxeccións comezarán o venres a partir das 19,00 horas con cinco pezas audiovisuais de produción local, seguidas doutras dez curtas participantes na sección oficial do festival. Os visionados continuarán o sábado á mesma hora coas curtametraxes e videoclips restantes.
A semana cinematográfica de Poio concluirá o domingo cunha sesión vermú que inclúe un coloquio con membros da Asociación de Profesionais da Dirección e Realización de Galicia. Ás 19,00 horas comezará a cerimonia de entrega de premios conducida pola actriz Isabel Risco.
Durante a gala entregaranse os galardóns Áncora de Ouro, que concede o xurado; Áncora de Prata, outorgada polo público; o premio Curtas Armadiña que este ano recaerá na directora, produtora e actriz Sonia Méndez; o premio a mellor videoclip e o premio CREA á mellor dirección.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.