Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/11/2019 | Actualizada ás 17:21
A cabeza de lista de Más País ao Congreso dos Deputados pola Coruña, Carolina Bescansa, asegurou que o obxectivo que ten marcado este partido é "acumular a forza necesaria para poder desbloquear a situación" política e lograr un goberno capaz de "ofrecer solucións á xente".
Estas manifestacións realizounas este martes en Ferrol, onde se reuniu con integrantes da xunta directiva da Asociación ASCM, no seu local do barrio de Esteiro. Alí, a cofundadora de Podemos trasladou que os gobernos e as institucións públicas "o que teñen que facer é ofrecer solucións á xente" que "leva organizada moito tempo, traballando polos seus propios dereitos e necesidades".
Bescansa puxo como exemplo disto a ASCM, unha asociación que ten como obxectivo a plena integración das persoas con discapacidade.
"É un exemplo de anos de loita e de traballo para construír un espazo de encontro para as persoas con diversidade funcional en diversas necesidades", trasladou Bescansa.
A candidata de Más País postulouse a favor "dunha administración que teña máis apertura, máis capacidade de escoita e de interlocución co terceiro sector, co tecido asociativo, conseguiriamos así unha mellor vida nos centos de miles de persoas, que agora non o teñen", incidiu.
Bescansa trasladou que é necesario "que funcionen as institucións e para iso que haxa Goberno". "É algo que temos que resolver o vindeiro domingo e espero que a partir da súa formación podamos defender estas demandas e outras que xa non poden agardar máis", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.