Galicia, un fortín contra a ultradereita

PSOE e PP empatan a escanos en Galicia nunhas eleccións nas que o Bloque volve ao Congreso catro anos despois. En Común Unidas Podemos resiste e Ciudadanos foi barrida do panorama político galego. Tampouco estará Vox que ten vedada a súa entrada a unha nacionalidade histórica á que criticou durante a campaña electoral. Con todo, os resultados alteran, e moito, o panorama político de cara ás galegas do vindeiro ano.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 10/11/2019 | Actualizada ás 23:46

Comparte esta noticia

Os espectaculares resultados de Vox en todo o Estado non chegaron a Galicia. O país galego convertese, xunto con Euskadi, Navarra, A Rioxa, nun dos poucos lugares libres do que o seu líder, Santiago Abascal, chamou “a reconquista de España”. Porque aínda que Vox o intentou, non levou a súa reconquista a Galicia. Sobe, é certo, e moito, pero non lle dá para ter escano. Un escano que si terá o BNG que volve ao Congreso dos deputados logo de catro anos ausente.

O líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, intervén no mitín en Santiago de Compostela
O líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, intervén no mitín en Santiago de Compostela | Fonte: PPDEG

 

Con todo, non hai que levarse a engano. Eses máis de 115.000 votos de Vox terán o seu peso en ouro nas autonómicas e poden poñer en serios apuros a cómoda maioría absoluta actual de Núñez Feijóo. Ben é certo que cada elección é diferente, pero está claro que a ultradereita ten posibilidades de entrar no Parlamento galego. Un escenario que, ademais, se pode ver favorecido se non hai unha pronta solución ao conflito catalán, que é o que está dando azos a esta forza política.

 

BNG

 

A portavoz do BNG, Ana Pontón, canta o himno galego xunto aos candidatos ao Congreso para o 10N nun multitudinario acto de precampaña en Santiago de Compostela.. MAURO BASTÓN - EUROPA PRESS
A portavoz do BNG, Ana Pontón, canta o himno galego xunto aos candidatos ao Congreso para o 10N nun multitudinario acto de precampaña en Santiago de Compostela.. MAURO BASTÓN - EUROPA PRESS

O BNG volve a Madrid e volve por méritos propios ante o cansanzo de parte do electorado de esquerdas polo esperpento vivido entre PSOE e Unidas Podemos. Tamén apañan o voto nacionalista que antes estaba repartido entre CxG, En Marea e Anova e sobe un 2,5% con respecto as eleccións de hai sete meses. Pero eses votos e ese escano tampouco son un cheque en branco. Acadarono nunha dura competencia coa ultradereita, á que gañaron, pero por tan só 5.000 votos. Non se poden despistar. Os nacionalistas terán que saber xestionalo en Madrid e poden ter un peso decisivo, sempre e cando, non haxa a gran coalición entre PP e PSOE que moitos vaticinan. 

 

Unha gran coalición que pode levar a unhas novas eleccións en ano e medio porque, unha cousa é que o PP preste o seu apoio ao PSOE, como xa fixeron os socialistas con Mariano Rajoy e, outro, que lles deixen gobernar. Pero mellor non pensar en novas eleccións cando vimos de rematar unhas, as terceiras este ano. Porque de repetirse os resultados os efectos poderían ser catastróficos.

 

CIUDADANOS

 

Catástrofe que sufriu nas súas propias carnes Ciudadanos. O partido laranxa, chamado a ser unha promesa da política española, impulsado por grupos económicos e mediaticos, non quixo ser a visagra que estes poderes agardaban del. O seu líder, Albert Rivera teimou en ir por libre e esta teimudez fixo que colleitara un dos maiores fracasos da política española. Está por ver se a Ciudadanos lle pasa o que a UpyD, e desaparece do mapa comido por Vox, ou é quen de recompoñerse

 

En Galicia o afundimento de Ciudadanos, que deixa máis de 125.000 votos, serviu, precisamente, para darlle fume ao PP e tamén a Vox. Os populares volven recuperar a primeira praza en Galicia que perderan nos comicios do 10N. Gañan por pouco, ben é certo, pouco máis de medio punto por riba dos socialistas, case nada, pero gañan. E iso supón aire fresco para un Feijóo que encara un ano decisivo de cara a súa reelección.  

 

FEIJÓO E CABALLERO

 

Pero Feijóo non pode estar tampouco contento cos datos. Afundiuse un rival cómodo co que podía entenderse ben na Xunta e xurdiu outro co que, directamente, non se entende. Porque Vox xo dixo alto e claro; chegou a Galicia para “barrer a Feijóo”. Está por ver se esa limpeza é de casa para adentro ou de casa para fóra. Como todos os partidos, Vox chega para tocar poder e, quizais acabe atraído polas boas artes que, niso, teñen os populares. E senón, que llelo digan a Jácome en Ourense. Outra cousa serán os efectos que este tipo de matrimonios de conveniencia poidan ter no PP, que, de seguro, non serán bos a curto prazo.

 

E os comicios deixan a un PSOE perdendo a condición de primeira forza en Galicia, pola mínima, pero deixa de selo. E iso, a un ano dunhas eleccións, e cos grandes poderes mediaticos apostando por Feijóo, é un pequeno golpe na estratexia de Gonzalo Caballero para presentarse como a gran alternativa ao PP. A súa fortaleza dependerá agora da estratexia que Pedro Sánchez xogue en Madrid. Se aposta por un pacto de esquerdas, como lle piden as bases, ou por unha gran coalición. Se é o primeiro, quizais poida ter opcións en Galicia o vindeiro ano. Se escolle o segundo, o que lle piden os poderes económicos e mediaticos, o batacazo pode ser grande de máis. 

 

UNIDAS PODEMOS

 

Tamén perde fol En Común Unidas Podemos, que deixa nestes comicios 60.000 papeletas, o 2% dos votos, aínda que resiste cos seus dous escanos. A incapacidade de formar goberno en Madrid entre Sánchez e Iglesias, pasaron factura, como tamén pasan factura a incapacidade do sectores que forman esta coalición de visibilizar unha unidade que se dá en Galicia, pero non en Madrid. Só a posibilidade dun goberno co PSOE e ter algunha carteira ministerial --que puidera recaer en Yolanda Díaz-- podería dar un pulo importante a En Común Unidas Podemos de cara ás galegas do vindeiro ano.

 

Santiago Abascal, líder de Vox, nun mitin en Vigo
Santiago Abascal, líder de Vox, nun mitin en Vigo | Fonte: Miguel Núñez
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 14 comentarios

1 Kourelán

O fascismo en Galiza é do país. Os PPeiros serán fachas pero no rural falan galego. O psdg é unha sucursal madrileña de galegos autonomistas. O único nacionalismo que pode arranxar iste país é o do BNG. Cun grupo de nós en Madrid Galiza sería outra cousa (que diría Novoneyra).