Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2019 | Actualizada ás 16:17
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou o legado da Xeración Nós --que cumprirá en 2020 o seu centenario--, que senta as bases dun galeguismo cultural e político "moi amplo", "no que a exclusión non existe". Así o expresou este luns na entrega do premio Ourensanía 2019 ao xornalista Alfonso Sobrado Palomares, nun acto na cidade das Burgas.
Alí, Núñez Feijóo destacou a defensa da Xeración Nós polo europeísmo, conectado coas vangardas, á vez que apostaba pola convivencia dos pobos.
"No camiño de ida levaban consigo elementos da cultura galega que pasaban a formar parte do acervo común europeo, e no camiño de volta traían na maleta achegas foráneas que rapidamente adaptaban á nosa forma", remarca. Por iso, sostén que para eles non existía un dilema entre "ser de aquí e sentirse partícipes de todo o que sucedía alá".
De tal forma, deixa claro que "o globalismo exacerbado non é a resposta. Tampouco un localismo que levante novos muros que non defenden aos que están dentro, senón que os condenan a un inútil cativerio".
Pola súa banda, o titular do Executivo autonómico destacou a traxectoria de Alfonso Sobrado, "fundador de tantos proxectos xornalísticos, pero sobre todo fundador de convivencias".
"Foron as palabras depositadas e lidas na revista Ciudadano as que axudaron a erosionar a ditadura. Foron palabras colleitadas por Alfonso Palomares en Posible as que se anticiparon á democracia institucionalizada que estaba por chegar. Foron as palabras que difundía a axencia Efe que presidía, as que comunicaron aos españois entre si, e proxectaron a imaxe dunha nova España. Son palabras as que doa aos seus paisanos, en forma de biblioteca rica e selecta", sostén.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.