A guía 'Entruidos e mascaradas na Galiza' acada o financiamento preciso

Dende as Escolas de Ensino Galego Semente, promotoras do proxecto, agradecen o espectacular apoio da xente e lembran que está aberta a opción de solicitalo ata o 14 de decembro na plataforma verkami.com

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/12/2024 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

A campaña de financiamento da que será a maior guía dos Entroidos e Mascaradas de Galicia alcanzou o obxectivo de 7000 € en 30 días, moito antes do prazo máximo establecido pola plataforma Verkami.com e grazas as achegas de máis de 200 persoas.

Portada do libro. Foto: Escolas Sementes de Galicia.
Portada do libro. Foto: Escolas Sementes de Galicia.

A Asociación Semente Compostela agradece as achegas recibidas e lembra que o prazo para aumentar o financiamento e solicitar o libro (e outras recompensas exclusivas) remata na media noite do 14 de decembro.

Esta guía ilustrada, xa está no prelo, polo que a previsión é que comece a chegar aos domicilios en poucas semanas xunto con algunhas das recompensas que como no caso da unidade didáctica, o libro de colorar, a lámina do ilustrador Sergio Casas ou o colgante de Boteiro de Viana da artesá Ana Miguéns, son exclusivas desta campaña.

A guía didáctica Entruidos e Mascaradas na Galiza, das Escolas de Ensino Galego Semente, contará con 146 personaxes ou máscaras distribuídas en 122 deseños que irán acompañados por unha breve explicación da súa dinámica, a sua localización e explicacións que tanto farán referencia a xeneralidades do ciclo festivo tradicional galego de inverno como as mascaradas máis locais e concretas. Ademais, alén dun limiar escrito polo construtor de máscaras de Matamá Paco Diéguez, facilitarase a localización cun mapa. 

Este proxecto pretende promover o coñecemento dunha parte importante do noso patrimonio cultural a través dun novo material creado para crianzas, adultas e entidades que queiran descubrir, de modo amplo e divertido, aspectos moi variados do Ciclo Festivo Tradicional das Mascaradas de Inverno. Foi ideado e coordenado polo activista mariñán Oscar Soutelo Barreira, responsable dos contidos e dos deseños, e maquetado pola ilustradora lazá Olalla Diéguez Boo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta