A violencia sexual na vida cotiá: cancións e titulares que perpetúan a 'cultura da violación'

Nas III Xornadas sobre Violencia de Xénero organizadas polo Consello da Cultura Galega fíxose un repaso polos éxitos musicais e televisivos, polo tratamento da violencia sexual nos medios de comunicación e polo mercado da prostitución para comprender a dimensión da 'cultura da violación'. Eis algunhas das claves tratadas.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/11/2019 | Actualizada ás 22:08

Comparte esta noticia

A violencia sexual sobre as mulleres réxese por patróns de conduta que se repiten en todos os ámbitos da nosa vida cotiá: na música, na televisión, nos medios de comunicación... Na conversa máis banal que poidamos manter con alguén. Esta violencia, nalgúns casos sutil e noutros moi explícita, vén amparada pola chamada 'cultura da violación' e, segundo as estatísticas, afecta cada vez a mulleres máis mozas, menores de idade. O dereito humano á integridade física e mental do xénero feminino e a súa autonomía e liberdade sexual vese desfavorecida neste contexto.

Chocolate Remix, unha proposta afastada do discurso que promove a violencia sexual
Chocolate Remix, unha proposta afastada do discurso que promove a violencia sexual | Fonte: YouTube

As III Xornadas sobre Formas de Violencia de Xénero que veñen de desenvolverse polo Consello da Cultura Galega este martes dirixíronse a esmuizar, precisamente, aquelas condutas coas que debemos rachar para construír unha sociedade igualitaria. Daisy Alcade, educadora e presidenta da asociación feminista O Soño de Lilith, foi a encargada de abrir a sesión da tarde cun repaso por aquelas cancións e series de televisión que fan directa apoloxía da violencia sexual. A seguinte en tomar a palabra foi Ana Sanmartín, representante da Asociación de Xornalistas Galegas, para analizar o tratamento da problemática por parte dos medios de comunicación. Pechou a xornada Rosa Cobo, profesora de Socioloxía de Xénero na Universidade da Coruña, facendo un achegamento á proposta abolicionista da prostitución.

VIOLENCIA SEXUAL NA MÚSICA E NA TELEVISIÓN

Por diante, Daisy Alcade quixo deixar claro que "a violencia leva toda a vida na música": recórdese senón o "No me gusta que a los toros te pongas minifalda" de Manolo Escobar ou o "La mataré" de Loquillo. Se ben no reguetón pode aparecer de maneira máis explícita a través dos videoclips ou pode ter unha proxección actual maior, a violencia sexual "non é algo que inventou este xénero musical". Aclarado isto, a educadora fixo un repaso por algunhas das cancións máis vistas en YouTube, dos cantantes máis coñecidos e recoñecidos, e das letras máis violentas cara a muller. 

Esta andaina pola violencia musical tivo a súa primeira parada en Bad Bunny, considerado polo xornal El País "o gran poeta da xeneración millennial". "Non sei se iso é un insulto aos poetas ou aos millennials", pensa Alcade entre risas. A súa peza 'Diles', con 543 millóns de reproducións no Youtube, versa así: "Deja el drama, ven y mama. / Le abro las piernas en el balcón / Pa' hablarte claro mah tú le metes cabrón / Me gusta como con la boca me pones el condón / Y te queda mejor mama / Cuando no me pones na'". Ademais das referencias sexuais, segundo explica Daisy, "faise tamén apoloxía de non utilizar métodos de prevención de ETS". Tampouco pasou por alto o 'Callaíta' ("si hay sol hay playa, si hay playa hai alcol, si hay alcol hay sexo y si es contigo mejor"): "estamos dando por feito que o alcol é algo positivo para ter sexo non consentido", asegura.

Maluma no seu videoclip 'Cuatro Babys'
Maluma no seu videoclip 'Cuatro Babys' | Fonte: Proyecto Puente

Segunda parada: a coñecida 'Cuatro babys' de Maluma, que volve perpetuar a idea de "sexo como algo que hai que consentir e non que desexar". Estoutra, con 900 millóns de visitas, di o seguinte: "Siempre me dan lo que quiero / Chingan cuando yo les digo / ninguna me pone pero / (...) dos son casadas / una soltera / la otra medio psycho y si no la llamo se desespera". O videoclip pouco amaña: eles saen sentados nunha mesa, e elas con pouca roupa e servíndolles. 

Terceira parada: Nicky Jam con "Hasta el Amanecer". "Mirando una chica tan bonita / y me pregunto por qué anda tan solita". Respecto desta parte concreta da letra, Daisy asegur que a sociedade ten moi interiorizado iso de que as mulleres imos soas aos lugares. Impera a idea de que só se estamos cun home estamos acompañadas. Máis alá, o videoclip representa "un claro caso de acoso". 1400 millóns de persoas viron este vídeo en YouTube. "Ponme os pelos de punta ver a normalización que existe do acoso sexual como unha parte máis do acto ligar", asegura a educadora. 

Con todo, "a música é unha arma feminista moi potente". Se ben o que máis está escoitando a mocidade hoxe en día é todo o anterior, existen propostas non ofensivas para a muller: é o caso de grupos de reguetón como Chocolate Remix, Vitura FTM, ou Miss Bolivia. "A diferenza? As reproducións destes vídeos, comparado cos de Bad Bunny ou Maluma, son ridículas".

No seu seguinte repaso pola televisión, Daisy Alcade parou nunha comedia que leva doce anos en antena: "La que se avecina". "Vas polo patio e escoitas dicir aos nenos putón, gañán, putón, gañán. A rapazada é incapaz de diferenciar o que é humor e o que é un patrón a seguir. Se para nós Antonio Recio é o antiheroe, moitos nenos repite as súas condutas e danas por boas", asegura a educadora. No fragmento seleccionado para a xornada, dous personaxes protagonistas acosan, drogan e levan a dúas mulleres inconscientes para a súa casa. Á mañá seguinte déixanas tiradas na rúa e desenténdese. 

TRATAMENTO NOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN

Os medios de comunicación tamén teñen un papel fundamental como axentes socializadores, é dicir, a través deles, a sociedade aprende comportamentos e valores a adoptar para funcionar en sociedade. Contribúen, xa que logo, á construción da identidade de xénero dos mozos e mozas, igual ca a familia ou a escola.

Se ben os medios se atopan "nun proceso transformador impulsado dende dentro", aínda hoxe hai estereotipos machistas que seguen imperando no discurso mediático. Segundo explica Ana Sanmartín, moitas das informacións publicadas na actualidade inciden na "culpabilidade" das mulleres prostitutas e non nos consumidores desa prostitución. Acontece o mesmo coa pornografía: "consideramos grave, porque o é, a pornografía infantil; pero non existe esa mesma alarma con referencia ao consumo da pornografía".

Respecto do caso Diana Quer, do caso da Manada ou do caso das menores de Alcasser máis atrás no tempo (ano 1992/1993), todas elas violencias sexuais paradigmáticas, hai algo que as une: "o enfoque sensacionalista" e a intencionalidade de "culpabilizar a vítima". Máis aínda, adoitan ser noticias relegadas á sección de sucesos. Perpetuamos, daquela, o mito da cultura da violación cando publicamos titulares coma estes: "La vida "normal" de la chica violada en San Fermín: universidad, viajes y amigas" ou "El padre de ‘El Prenda’: “Ella es culpable; los sevillanos eran muy guapos y fue a buscarles”".

Fronte a esta cobertura mediática, Ana Sanmartín apela a mudar o enfoque: "Sempre nos preguntamos: 'Como puido ser violada? Como é que a vítima de maltrato non marchou da casa?'. E non entendo como o primeiro interrogante que nos angustia non é: 'Como é posible que un home maltrate a súa parella?'". Citando a Nerea Barjola, autora dunha tese sobre o crime de Alcasser, Ana Sanmartín asegura que a mensaxe coa que a sociedade queda é que "o patriarcado advirte as mulleres de que tiñan que ter dar un paso atrás e abandonar o espazo público das rúas e da noite".

A EXALTACIÓN DA SEXUALIDADE Á PROSTITUCIÓN

Desprazar o foco volve ser aquí parte da solución: desta vez das mulleres prostitutas aos homes puteros. Nesta reflexión, Rosa Cobo relaciona o neoliberalismo co auxe deste mercado: "A partir de que se instauran e globalizan as políticas económicas neoliberais, a prostitución cambia de rostro e lóxicas de funcionamento". Así pois, na actualidade do século XXI non se trata dun pequeno conxunto de negocios sen impacto económico. "É algo máis parecido a unha multinacional", describe Cobo.

A profesora atopou na cultura e na economía as dúas respostas ao seu crecemento "insólito". Por unha banda, considera que a sociedade creou estruturas culturais que fixeron posible construír un relato tan poderoso como para que se normalizara e lexitimara a prostitución. Pola outra, o neoliberalismo propón ensanchar o Mercado e reducir o Estado todo o posible. Nesta lóxica, "os corpos e a sexualidade das mulleres ocupan un lugar fundamental".

A exaltación desa sexualidade, segundo explica, remóntase a maio do 68. "A nova esquerda colocou a liberdade sexual no contexto da axenda política. A partir dese momento atribuíuselle á muller unha sobrecarga de sexualidade", relata. A moda, o canon de beleza imposible, a publicidade, a industria da cirurxía plástica e estética son sectores que sexualizan a muller cada vez dende máis cativas. E esta sexualización culmina na pornografía. Toda unha cultura, conta, que funciona como "caldo de cultivo" para o desenvolvemento da prostitución. 

A proposta abolicionista, que diferenza entre a prostitución como institución - "que debe ser abolida" - e as mulleres prostitutas - ás que se deben ofrecer políticas públicas -  forma parte da solución fronte á trata de mulleres. "A prostitución é unha das grandes expulsións do século XXI, das máis grandes barbaries e escravitudes", sentenza.

Bad Bunny
Bad Bunny | Fonte: La Zona
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Jerry Lee

¿Tamén "Quince años tiene mi amor"?