Por Galicia Confidencial | Bilbao | 13/11/2019 | Actualizada ás 21:30
O coordinador xeral de EH Bildu, Arnaldo Otegi, afirmou que a postura da coalición soberanista respecto dun Goberno de PSOE e Unidas Podemos dependerá de cal sexa a súa «receita» para vascos, cataláns e galegos, ademais da posición que teñan sobre o dereito a decidir e os presos.
Así, suliñou que están a falar coas forzas catalás coas que o pasado outubro subscribiron a 'Declaración da Llotja de Mar', que tamén asinou o BNG, porque «é unha situación á que hai que facer fronte con responsabilidade, con actitude construtiva, pero tamén firme», e sinalou que a intención é articular «unha posición conxunta» que aínda «non está pechada».
«Teñen que aclarar á xente que é o que van facer, facer un exercicio de honestidade e valentía e dicir a vascos, cataláns e galegos a súa receita», incidiu, á vez que lembrou que «o problema» en Cataluña «non é de convivencia, senón político», e os problemas políticos resólvense «con política e diálogo».
Otegi apuntou que «non é un problema de chamadas», senón de coñecer «cal é o seu programa sobre o dereito a decidir, sobre os presos e sobre as políticas sociais». «En función diso, decidiremos con absoluta tranquilidade», reiterou, para engadir que, se o que van dicir é «que o problema catalán e vasco é de convivencia, que todo o límite é a Constitución e que fóra dela non se pode falar de nada, que non hai dereito a decidir e que vai haber presos políticos», é mellor que se aforren» a chamada.
POSICIÓN CONXUNTA
Ademais, incidiu que «comparten» a lectura que fai ERC e, por tanto, son os socialistas e a formación morada os que «abrirán ou pecharán a porta», que, polo momento, non ven aberta. En rolda de prensa en San Sebastián, Otegi realizou unha valoración do preacordo para un Goberno de progreso subscrito este martes por Pedro Sánchez e Pablo Iglesias, ante o que dixo que a postura de EH Bildu é de «serenidade e tranquilidade», porque «hai que analizar as cousas con perspectiva e o mundo non cambia nun día».
Neste sentido, compartiu a sorpresa que, ao seu xuízo, provocou na sociedade vasca a consecución deste preacordo en 24 horas, cando non foi posible antes en seis meses, e preguntouse se «isto é serio». «Cando se cre que a política se fai en Twitter e que os que mandan son os gurús de comunicación, cométese graves erros», opinou.
Ademais, sinalou que a xente se pregunta» se este preacordo «abre algunha xanela de oportunidade para facer as cousas doutra maneira" para Galicia, Euskal Herria, Cataluña "os traballadores, as mulleres e os mozos». «Os antecedentes non son bos», considerou. Respecto diso, lembrou que Sánchez pasou toda a campaña electoral «tratando de abrazar a Cs, despois, tratando de abrazar ao PP a través dunha abstención, e terminou abrazando a Pablo Iglesias», así como «comprando a axenda da involución».
Otegi destacou que «en Cataluña hai un problema político, como en Euskal Herria, que se resolve no exercicio do dereito de autodeterminación e falar de diálogo sen facer un diagnóstico acertado da situación, é non falar de nada».
NÉSTOR REGO
Pola súa banda, o deputado do BNG, Néstor Rego, criticou este mércores a aqueles que "dan por feito" que esta formación apoiará o pacto de PSOE e Unidas Podemos. "Sorprende a frivolidade ocn que algúns abordan as coudas. Medios de Madrid e mesmo persoas do ámbito dos partidos subitamente coligados dando por feito, antes de comezarmos a falar, que o Bloque apoiará a investidura de Pedro Sańchez. Non hai nada diso", suliñou a través das súas redes sociais.
Ademais engadiu que a súa formación "está aberta ao diálogo". "Se de nos depende non vai gobernar a dereita, mais tamén que o voto do BNG non vai ser gratis para ninguén", dixo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.