Por Xurxo Salgado | Compostela | 14/11/2019 | Actualizada ás 15:13
As palabras do coordinador xeral de EH Bildu, Arnaldo Otegi, condicionando un voto afirmativo a Podemos e o PSOE ás "axendas catalana, vasca e galega" están dando moito que falar. Tanto, que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dixo que lle provocaban "urticaria".
O líder dos populares galegos referiuse ás palabras de Otegi onte nas que dixo que a postura da coalición soberanista vasca respecto dun Goberno de PSOE e Unidas Podemos dependerá de cal sexa a súa "receita" para vascos, cataláns e galegos, a posición que teñan sobre o dereito a decidir e os presos.
"Que o señor Otegi fale en nome dos galegos, como diría un antigo alcalde galego, prodúceme urticaria. É algo que a inmensa maioría dos galegos non podemos aceptar, nin nos pode deixar indiferentes", dixo ao tempo que aclarou que "non o representa" nin a el nin aos galegos.
"Pero o importante non é quedar no que se di. A min o que me preocupa é ler o que se asina. E Otegi, xunto co BNG, e o partido de Torra, e ERC e independentistas de Baleares e nacionalistas de Valencia firmaron unha declaración moi clara esixindo o dereito de autodeterminación e iso é o que máis me preocupa do BNG, que é socio do PSOE en todas as institucións onde o PP non sacou maioría absoluta", engadiu.
Feijóo referiuse á 'Declaración da Llotja de Mar', un pacto entre forzas soberanistas de todo o estado no que se avoga pola liberdade dos presos políticos cataláns e o dereito á autodeterminación. De feito, a esta mesma declaración tamén aludiu Otegi este mércores ao suliñar que a súa intención é articular "unha posición conxunta" que aínda "non está pechada", entre as forzas que obtiveron representación no Congreso asinantes deste pacto.
CIUDADANOS
Por outra banda, Feijóo descartou unha coalición en Galicia con Ciudadanos de cara ás eleccións galegas do vindeiro ano, a pesar de que hai unhas semanas era partidario de que PP, Cs e Vox foran xuntos na coalición "España Suma". "Vería vostede agora posible unha coalición que fora Galicia Suma e que integrara a PP e Ciudadanos?", preguntoulle GC na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. A súa resposta foi ben elocuente.
"Imos ver que pasa con Ciudadanos nos vindeiros meses. Non sabemos como vai evolucionar este partido pero eu penso que Ciudadanos cabe, perfectamente, no PP, e penso que moitos militantes se dan de conta que a estratexia do PSOE de desunir a centrodereita acredita que agora sexa a lista máis votada", suliñou en alusión ao gran batacazo electoral da formación de Albert Rivera que quedou só con dez deputados no Congreso.
"Só sumando os votos de PP e Ciudadanos en España, hoxe o PP sería o gañador das eleccións. Só con iso. Por iso a estratexia da división do centrodereita en España foi a estratexia de campaña do PSOE desde o primeiro momento ata o fin. E o que conseguiu foi desfacer ciudadanos e consolidar ao PP como o partido do centrodereita en España e que o PSOE sexa a forza máis votada", concluíu.
VITORIA EN GALICIA
De feito, o presidente da Xunta amosouse convencido de que o seu partido volverá a ter unha "maioría ampla" nas eleccións galegas do vindeiro ano, pese aos resultados das xerais nas que, aínda que foi a forza máis votada en Galicia, quedaría moi lonxe de revalidar a maioría absoluta con ese resultado.
"Hai 180.000 votantes, 14 puntos, que noutras eleccións votaron ao PP e que neste momento se dividiron", dixo Feijóo sobre os comicios do pasado domingo. "A nosa proposta é seguir unindo aqueles que non queren que Otegi nos diga o que temos que facer", engadiu. "E nós, sabendo que a división do voto nos prexudica, sabemos que temos moitas posibilidades de volver a ter unha maioría suficiente para acadar estabilidade política en Galicia", dixo nunha chamada ao voto útil dos votantes de Vox e Cs a concentrar o seu voto no PP:
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.