Denuncian que os ocupas da praza de abastos de Ourense alugan os postos do inmoble

O portavoz do Concello de Ourense, Miguel Caride asegurou que se atopan á espera de que se tramite a autorización xudicial para desaloxar o lugar e acabar cunha situación que "está a crear unha inseguridade cidadá importante na zona".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2019 | Actualizada ás 18:24

Comparte esta noticia

O portavoz do Concello de Ourense, Miguel Caride, denunciou que os ocupas que desde antes do pasado verán invadiron o edificio público dedícanse a alugar os diferentes postos dentro do inmoble. Esta situación, denunciada polos placeiros dese hai meses, foi trasladada na mañá deste xoves polo concelleiro á xunta de goberno local.

"Hai ocupas que se fixeron con varios postos e alúganos. Pero non vén de agora. Xa levan aí unha temporada, desde antes do verán", afirmou, en declaracións a Europa Press, o presidente dos comerciantes da Praza de Abastos, Emilio González, quen subliñou ademais que estes individuos "trapichean con drogas e enganchan a luz".

Caride asegurou que se atopan á espera de que se tramite a autorización xudicial para desaloxar o lugar e acabar cunha situación --comunicada a tráves de tres escritos remitidos ao consistorio-- que "está a crear unha inseguridade cidadá importante na zona".

Tras o incendio que se produciu nun dos locais o pasado mes de setembro, o maior "medo" que teñen agora os comerciantes é o de que "arda" o edificio, que se atopa pendente dunha reforma integral. De feito, segundo relata o presidente dos placeiros, na madrugada do pasado día 11 ocorreu un incidente semellante cando un home tentou prender lume a un dos postos, chegando a queimar a parede e un televisor.

Outro dos problemas denunciados polos afectados é a falta de luz na praza. Respecto diso, o tamén concelleiro de Infraestruturas aclarou que se tivo que "cortar a iluminación da praza por motivos de seguridade --a iluminación interior e exterior están unidos-- e adiantou que se fará "unha pequena obra para reparar as dúas subministracións".

ATRASO DAS OBRAS

"Cando saímos de alí --do edificio agora ocupado cara á infraestrutura provisional da Alameda--, parece ser que as obras ían empezar de forma inminente, e non empezaron, e ao pouco tempo, ao seis ou sete meses, foi cando chegaron os okupas", manifestou Emilio González.

O atraso no inicio da reforma da Praza de Abastos, pechada hai 17 meses, é un dos motivos desta realidade. A maquinaria debería entrar xa, pero actualmente estase á espera dunha adxudicación municipal.

O proxecto está taxado en 4,8 millóns de euros, pero, segundo o informe do interventor local, existe unha irregularidade, xa que só hai 1,7 millóns destinados a tal fin e aínda non se aprobaron os orzamentos.

O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, prometeu o pasado mes de setembro que "a obra se fará" a pesar do seu custo "esaxerado". Con todo, acusou os placeiros de estar a facer "competencia desleal" ao comercio local por dispor de postos a menor prezo e remarcou que "as súas vendas subiron un 25%" desde que están na Alameda.

Pleno no Concello de Ourense.
Pleno no Concello de Ourense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta