Por Europa Press / Redacción | Madrid | 14/11/2019 | Actualizada ás 19:39
O titular do Xulgado Central de Instrución número 6 da Audiencia Nacional, Manuel García Castelló, acordou citar en calidade de investigado por presuntos delitos de suborno e revelación de segredos ao expresidente do BBVA, Francisco González —natural de Chantada (Lugo)—, que foi convocado para o próximo 18 de novembro en relación aos contratos co comisario xubilado e en prisión provisional José Manuel Villarejo, segundo fontes xurídicas.
A imputación, asinada este xoves, prodúcese a instancias da Fiscalía Anticorrupción no marco da peza separada número 9 da causa que investiga as actividades presuntamente ilícitas del Villarejo, que estaría desempeñando diversas tarefas para o BBVA durante máis dunha década e facturando a cambio unha cantidade que rolda os 10 millóns de euros.
Así mesmo, o xuíz convocou para o mesmo 18 de novembro ao exdirector de comunicación da entidade, Javier Ayuso, aínda que no seu caso a citación é como testemuña; e ao investigado Antonio Bonilla, policía que en segunda actividade traballaba para unha das empresas de Villarejo e que xa está imputado noutras pezas da causa.
Como investigados, e tamén por delitos de suborno e revelación de segredos, o xuíz cita o día 19 de novembro a Juan Asúa, asesor de cabeceira do actual presidente da entidade financeira, Carlos Torres, quen en decembro de 2018 nomeouno Senior Advisor to the Chairman; e a Eduardo Arbizu, que ata o pasado mes de xullo, cando foi cesado ao coñecerse a imputación do BBVA, ostentaba o cargo de responsable de Regulación e Control Interno do BBVA.
RESPONSABLES XURÍDICOS E BBVA
Na mesma data acordou citar o que fora xefe de Riscos da entidade, Manuel Castro; e os sucesivos responsables dos servizos xurídicos, José Manuel García Crespo e Eduardo Ortega, todos investigados polos mesmos delitos.
A investigación desta peza collerá así novo impulso a partir do próximo luns, cando ademais dos mencionados serán chamados a declarar o propio banco en calidade de persoa xurídica, nunha citación que se suspendeu dúas veces por razóns de axenda do xulgado e relativas á defensa, e que se materializará o día 20 de novembro, de acordo ás fontes consultadas.
Así mesmo, o xuíz prevé tomar declaración sobre este asunto a persoas da contorna de Villarejo, como o policía que en segunda actividade traballaba para unha das súas empresas, Antonio Bonilla, e que xa está imputado noutras pezas da causa, pola participación que puido ter na execución dos encargos realizados para o BBVA e que ían desde supostas tarefas de espionaxe para frustrar a entrada no banco da construtora Sacyr, ata frear a presunta extorsión dunha asociación de consumidores pasando por analizar a situación de morosos como Martinsa ou Prasa.
INTENCIÓN "DECIDIDA" A DECLARAR
O galego Francisco González acudirá o luns ao Xulgado Central de Instrución número 6 da Audiencia Nacional coa intención "decidida" de prestar declaración ante o xuíz Manuel García Castelló.
En medios xurídicos dáse por feito que González non se acollerá ao seu dereito a gardar silencio como fixeron o resto de investigados —a excepción do expresidente de Madrid DCN Antonio Béjar—, dado que está interesado "ao máximo" en dar todas as explicacións oportunas ao xuíz e en colaborar en todo o preciso para o esclarecemento dos feitos.
Precisamente, nun comunicado difundido o mércores, despois de que a Fiscalía Anticorrupción solicitase á Audiencia Nacional a súa imputación polos contratos que subscribiu a entidade co comisario xubilado en prisión provisional José Manuel Villarejo, González reafirmaba o seu compromiso e "plena" disposición a colaborar coa Xustiza.
O pasado mes de xullo tras coñecerse a imputación de BBVA como persoa xurídica, González xa se apresurou a expresar o seu "máximo interese" en colaborar "coa maior transparencia e obxectividade" coa Xustiza ao obxecto de identificar e esclarecer o "máis rapidamente" calquera mala práctica que se puido producir, e pediu deslindar posibles irregularidades individuais da actuación do banco, que cualificou de "intachable" e "por enriba do esixible" en materia de goberno corporativo.
González tamén incidiu o mércores, remitíndose ás súas palabras expostas xa o pasado mes de xullo, en que foi el quen impulsou a investigación interna en BBVA. Segundo detallou, nada máis ter coñecemento a través do publicado nun medio de comunicación da contratación polo banco da empresa Cenyt, vinculada a Villarejo, en maio de 2018 puxo en marcha unha investigación interna para identificar calquera actuación irregular que se produciu.
Posteriormente esa investigación interna foi ampliada, en xaneiro de 2019, pola actual presidencia, encargándose un informe forensic, realizado por terceiros independentes (Garrigues, Uría Menéndez e PwC).
UNHA DECENA DE ALTOS CARGOS INVESTIGADOS
As pescudas séguense na novena peza separada desta macrocausa que xa ten 18 liñas distintas de investigación e que se prevé superará a vintena antes de que acabe o ano, tendo en conta da multitude de 'proxectos' e clientes do "clan parapolicial" mafioso que estaría liderando Villarejo a través das súas empresas e dos que deixou constancia nos máis de 40 terabytes de información que se lle interviñeron cando foi detido, en novembro de 2017.
En total, unha decena de altos cargos do banco cando se celebraron eses contratos foron chamados a declarar como investigados na Audiencia Nacional, incluído o que fora CEO da entidade, Ángel Cano, e o outrora xefe de Seguridade, Julio Corrochano, de quen se presume era o interlocutor de Villarejo e para quen o xuíz impuxo unha fianza de 300.000 euros.
Así mesmo, están investigados a súa substituta no cargo, Inés Díaz Ochagavia; o xefe de grupo no equipo de Seguridade do banco Nazario Campo Campuzano; o director de Rede Banca Comercial na entidade Ignacio Pérez Caballero; o que fora xefe de Riscos para España e Portugal e despois responsable de BBVA Real Estate Antonio Béjar González, o membro ata 2018 do Comité de Dirección Ricardo Gómez Barredo e ao seu exdirector de Finanzas, Javier Malagón Navas.
Todos agas Béjar —que xa acudiu varias veces á Audiencia Nacional e prestou declaración— viñéronse acollendo ao seu dereito a gardar silencio polo segredo de actuacións, que impide aos afectados coñecer o que obra na causa contra eles.
No entanto, o BBVA vén anunciando a súa absoluta disposición a colaborar coa xustiza, ante a que xa presentaría un informe 'forensic' encargado expresamente para coñecer o pormenor das relacións coas mercantís de Villarejo durante a etapa baixo a lupa, cando presidía a entidade Francisco González.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.