Por Galicia Confidencial | Vigo | 25/11/2019 | Actualizada ás 09:32
Outra nova traxedia no mar galego, desta volta, na Ría de Vigo, coa colisión entre dous barcos. Polo momento non se sabe se hai mortos, aínda que a as fontes consultadas por Galicia Confidencial aseguran que dous feridos foron evacuados a Vigo.
Tras o choque, un dos barcos, o máis pequeno, o 'Romo 2, de tipo pesqueiro e 8,6 metros de eslora, afundiu rápidamente. Dous dos seus tripulantes estiveron na auga 15 minutos ata que foron rescatados, levados a terra e trasladados por hipotermia ao hospital de Vigo.
Os feitos sucederon sobre as 8,25 horas deste luns ao norte da Illa de Toralla, na ría viguesa. O buque 'Intermares', de 79,2 metros de eslora, informou ao Centro de Salvamento de Vigo, que coordinou o operativo, da presenza de dous náufragos na auga tras chocar co pesqueiro 'Romo 2'.
Os tripulantes, que estaban na auga con aros salvavidas, foron rescatados pola embarcación 'Salvamar Mirach' de Salvamento Marítimo, que os trasladou ao peirao da Laxe, no Porto de Vigo.
Esta é a terceira traxedia no mar que se producen nas costas galegas, logo da morte dun mariñeiro noutro naufraxio en Porto do Son e o embarrancamento, o pasado venres, dun quimiqueiro na Ría de Ares.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.