Descoñécese se tal determinación foi causa de liortas no seo do fogar inda que eu aposto pola existencia de intensas rifas e discusións. Poderían esquecer deste xeito as penurias económicas e demorar as decisións de maior envergadura. Para min que Feijóo imaxina o Parlamento coma unha gaiola xigante e identifica, teno doado, algúns deputados con aquelas aves psitaciformes.
El sabe (todos sabemos) que pasar de 75 a 60 representantes na Cámara tería sobre as contas públicas galegas un efecto minúsculo. Pero tamén sabe que gañou unhas eleccións cun par de fotografías e unhas maledicencias sobre coches oficiais e cadeiras invisibles. Pouco máis lle fixo falta. Se con isto da redución de parlamentarios consegue facer ruído dabondo, quizais lle abonde para confrontar o seu propósito de austeridade coa ansia de dilapidación da oposición.
A oposición (a de dentro e a de fóra do Parlamento) non debería caer no tirapuxa que pretende o PP galego. De feito, habería presentar a súa contraproposta. Aceptar a redución de deputados sempre e cando se inclúa nun Plan de racionalización completo que contemple a eliminación das deputacións provinciais e a contracción dos concellos ata un número razoable de 40-50. Tería tanto sentido a decisión que ata o loro ficaría de acordo. Feijóo?