Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/12/2019 | Actualizada ás 13:49
CIG-Banca de Compostela denunciou "atrasos" de Grupo Norte ao persoal operador do 061 no pago das nóminas de novembro e a "ameaza" desta subcontrata de facer o mesmo en decembro.
Respecto diso, esta central sindical acusa á empresa de "utilizar aos traballadores para coaccionar" á Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 "coa finalidade de conseguir o que este organismo lle debe". Tamén responsabiliza "á propia Xunta de acometer o traslado dos servizos de emerxencia de Galicia ao Concello da Estrada, deixando en mans de empresas privadas un servizo público esencial", abunda.
A CIG sinala nun comunicado que o pasado mes de xullo "Grupo Norte anunciaba a súa pretensión de non continuar co servizo de atención de chamadas do 061". No entanto, mentres non se celebre un novo concurso público, subliña a central sindical, "a empresa viuse obrigada a aceptar unha prórroga do mesmo".
"A partir dese momento empeoraron as relacións laborais ata o punto de anunciar (a poucos días de terminar o mes de novembro) que, se a Fundación Urxencias Sanitarias de Galicia-061 non lle abonaba a débeda existente, o Grupo Norte non estaría en disposición de afrontar o pago das nóminas deste mes a case unha centena de traballadores", denunciou a CIG.
Respecto diso, esta central asegura que tras esta "ameaza" á Fundación do 061, "Grupo Norte conseguiu que se lle fixese unha transferencia por un importe aproximado de 100.000 euros, procedendo así a facer o pago das nóminas, pero sen incluír os pluses e complementos".
CIG-Banca denuncia que a día de hoxe o persoal operador do 061 "segue sen cobrar o resto da nómina" e, ademais, alerta da "posibilidade de que se repita esta situación no mes de decembro". Ante estes feitos, este sindicato considera que "é obrigación da Xunta e a empresa arranxar esta situación de inestabilidade e incerteza para o persoal operador do 061".
Ademais, solicita que os traballadores "deixen de ser reféns da mala xestión da Administración e da subcontrata". Con todo, advirte de que, de non contar cunha "solución satisfactoria" para o persoal, valorará xunto cos traballadores "a adopción de medidas que consideren pertinentes".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.