O caso dos ERE: outro exemplo da externalización da política

Nos últimos anos, tres sentencias xudiciais condicionaron notabelmente o clima político e social existente no Estado español. Primeiro foi a relativa ao caso Gürtel -e que rematou provocando o inédito triunfo da moción de censura presentada polo Partido Socialista no Congreso-; máis tarde coñeceuse a decisión condenatoria do Tribunal Supremo contra diversos dirixentes do independentismo catalán e agora, recentemente, fíxose público o veredicto da Audiencia de Sevilla sobre o “caso” dos ERE desenvolvido no ámbito competencial da Junta de Andalucía.

Por Xesús Veiga | Compostela | 06/12/2019

Comparte esta noticia
A relevancia destas actuacións xudiciais non se pode entender se non se parte dunha característica singular do sistema democrático español realmente existente: a non asunción sistemática de responsabilidades políticas por parte dos dous partidos que hexemonizaron as institucións representativas nas tres últimas décadas e a consecuente tendencia a xudicializar os distintos conflitos políticos que se foron sucedendo nos últimos anos.
 
Nos casos de corrupción, o  argumentario repetiuse unha e outra vez: tomando base no principio da presunción de inocencia, calquera decisión sobre dimisións ou peticións de desculpa debería ir precedida por unha sentenza xudicial condenatoria. A ética carecía dun espazo propio no exercicio da política. Só a condición de delincuente acreditada por un tribunal podía orixinar consecuencias políticas. Nun escenario con semellantes premisas, instaurouse, pola vía dos feitos, unha especie de goberno da  maxistratura.
 
No asunto do “ procés”, a lóxica aplicada foi análoga. Un problema de evidente natureza política foi  externalizado ao territorio xudicial por unha suma de incapacidade e carencia de vontade para buscar unha canalización no seo das institucións democráticas. A procura da sanción penal como única estratexia para xestionar o conflito aberto, dende hai un tempo, no seo da sociedade catalá, supuxo unha seria devaluación na calidade do conxunto do sistema democrático.
 
Os feitos xulgados nos sumarios da  Gürtel e dos ERE retratan unhas prácticas levadas a cabo por dirixentes do PP e do PSOE nun contexto caracterizado por maiorías electorais moi sólidas (de Aznar no período 2000-2004 e dos socialistas andaluces dende o nacemento desa Comunidade Autónoma) que favorecían a continuidade das irregularidades e alimentaban un clima de impunidade entre os autores destas.
 
Tal e como se dixo en moitas ocasións, a grave crise económica da primeira década deste século e a constatación de fenómenos xeralizados de corrupción foron factores  causais moi relevantes no cambio do mapa político ocorrido a partir do ano 2015. O sucedido nos recentes comicios do 10 de novembro certificou que aquel bipartidismo imperfecto característico da vida política española (dominio do PSOE e do PP, con CiU e PNV como bisagras) xa non está operativo.

Susana Díaz e Pedro Sánchez nunha xuntanza do PSOE
Susana Díaz e Pedro Sánchez nunha xuntanza do PSOE | Fonte: elconfidencialdigital.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.