Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 11/12/2019 | Actualizada ás 20:40
O presidente da Deputación de Ourense e do PP provincial, Manuel Baltar, mantivo este martes unha reunión co xefe de servizo de XinecoloXía do Hospital de Verín, Javier Castrillo, a quen ratificou o seu apoio na loita contra o peche do paritorio do centro sanitario comarcal.
Así o confirmou a Europa Press o propio Castrillo, quen agradeceu o respaldo de Baltar e tamén de "todos os alcaldes da zona", incluídos os do PPdeG. "Reuninme onte con el, está en contra e pediu que non se peche o paridoiro, o que lle agradecemos", indicou o xefe de servizo do hospital comarcal verinés.
Baltar pedira publicamente "unha rectificación" á Xunta e o PP ourensán, xunto con Cs e Democracia Ourensá, presentou unha moción na Deputación en defensa dos servizos do hospital de Verín e, especificamente, do paridoiro.
A pesar da demanda de Baltar e dos alcaldes da zona, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo mantivo que a decisión estaba pechada e que non tería marcha atrás, posto que estaba xustificada por criterios técnicos de "seguridade" e ante a "imposibilidade" de garantir a atención pediátrica.
Á espera dalgún novo paso do Sergas, hai previstas mobilizacións e mesmo unha concentración ante o Parlamento de Galicia o vindeiro martes día 17.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.