Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2019 | Actualizada ás 14:41
O Bloque e A Mesa Pola Normalización Lingüística consideran que o Goberno autonómico que preside Alberto Núñez Feijóo está "só no mundo contra o galego" tras un novo informe do Consello de Europa no critican a xestión da Xunta en materia lingüística.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, e a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, ofreceron este venres unha rolda de prensa en sede parlamentaria, onde cargaron contra a actitude do presidente autonómico e outros membros do seu goberno que restan importancia ao informe no que o Consello fai especial fincapé na situación do galego na educación.
"Esta actitude de rebeldía sitúaos ao nivel de Hungría e Polonia, que se opoñen ás reocmendaciones do Consello de Europa en cuestións de democracia e dereitos humanos", aseverou Maceiras, que considera que vulnerar a Carta das Linguas supón tamén actuar contra os Dereitos Humanos.
Deste xeito, cre que o "mal chamado" decreto do plurilingüismo "está morto". "Que morra máis pronto que tarde dependerá de que siga a mobilización social e continúe a presión para que morra definitivamente", remarcou o presidente da Mesa, que avanzou que a comezos de ano iniciarán unha rolda de reunións con organismos internacionais para denunciar a situación do galego.
Pola súa banda, a líder frontista, Ana Pontón, incidiu en que o descenso do número de galegofalantes e, especialmente, os datos estatísticos que reflicten a mala saúde do galego entre os máis novos "non son froito da casualidade, senón que son consecuencia dunha política lingüicida que asfixia" a lingua propia de Galicia.
Ademais, criticou o "negacionismo" desta realidade por parte do PP e a Xunta que "en lugar de asumir o problema, o único que fan é unha fuxida cara a adiante". Para Pontón, as declaracións de Feijóo nas que puxo en cuestión o informe do Consello de Europa son "lamentables" porque "descualifican" as persoas que elaboraron o documento e "sementan dúbidas sobre a rigorosidade dese traballo".
A continuación, engadiu que Feijóo caeu "no colmo da demagoxia" ao asegurar "que aprender galego supón ter menos capacidade para aprender outros idiomas". "É unha escusa para xustificar a súa política lingüicida, que vai en contra do que máis nos define como galegos, que é ter unha lingua propia", apostilou.
A MESA: SITUACIÓN "INSUSTENTABLE"
"Non queremos que o galego teña máis dereitos que outra lingua, o que non queremos é que teña menos", asegurou Marcos Maceiras, que considera que o "demoledor" informe do Consello e os últimos datos do IGE sobre o uso do galego "demostran" que o movemento a favor do idioma iniciado hai unha década "ten razón".
"É a terceira vez que o Consello de Europa, a través do Comité de Ministros, di que a situación do galego é insustentable", remarcou, antes de censurar que a Xunta "non faga nada" en favor do idioma.
En relación a iso, asegurou que "con só 60.000 euros, o que cobra ao ano o responsable do 'decretazo' do galego" en referencia ao actual director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, se podería sufragar que as plataformas Movistar+, Netflix e HBO dispoñan de subtítulos en galego para os seus contidos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.