Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2025 | Actualizada ás 12:32
O conselleiro de Educación, Ciencia, FP e Universidades, Román Rodríguez, rexeita que o traballo para alcanzar un gran pacto social e político para o impulso do galego deba fiscalizarse "só nunha cuestión concreta" como é o ensino. Ademais, avoga por rehuir as "posicións maximalistas" que esixen a derrogación do decreto do plurilingüismo nos centros. Así respondeu ao ser preguntado polos medios, tras un acto en Santiago para presentar un informe de inserción laboral de graduados universitarios, sobre o arranque o mércores dos traballos das 11 comisións (unha delas dedicada á educación) que traballarán por ese consenso polo galego que impulsa a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
O titular de Educación cre que "non é o camiño correcto" centrar este debate nos colexios, senón que agora estase definindo "o que se quere facer" dentro dun "marco de consenso" para impulsar o uso do idioma propio de Galicia nun "amplo espectro do conxunto da sociedade". A esa primeira reunión celebrada o mércores na Cidade da Cultura, acudiron un centenar de expertos que formarán parte desas 11 comisións. Nese acto, membros da Mesa pola Normalización Lingüística abandonaron o lugar denunciando que se trataba dun proceso "improvisado e inútil" e manifestando dúbidas sobre a vontade real do Goberno autonómico.
Sobre este particular, Román Rodríguez fixo "dúas reflexións": mentres que a Xunta queira abrir un "diálogo pleno e sincero coa cidadanía e co conxunto dos axentes sociais", hai "quen non está disposto a ser flexible e a querer negociar". "Se algo demostrou Galicia nos últimos anos é ser capaz de xerar grandes consensos ao redor de temas vertebrais", engadiu o conselleiro de Educación, quen puxo como exemplos o Plan Xeral de Normalización do ano 2004, que agora se quere actualizar, e a lei de normalización de 1983. "Unha porcentaxe creo que moi significativo da sociedade galega quere acordar, quere negociar, quere dar un paso adiante para facelo dun modo colectivo, un modo de país; e outra parte está nunha posición maximalista", esgrimiu Rodríguez.
PRADO CARGA CONTRA O BNG
Na mesma liña, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, criticou este xoves o que cualificou como "boicot vergoñoso" e "teledirixido polo BNG" no marco do debate activado pola Xunta en busca dun novo pacto polo galego na comunidade. Prado pronunciouse na liña do xa manifestado na pasada xornada polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, quen tamén denunciou o "boicot" á primeira reunión da comisión encargada de actualizar o Plan de Normalización do Galego por parte de membros da Mesa pola Normalización.
Previamente a ese encontro, membros da plataforma en defensa do galego interromperon o pleno cunha acción reivindicativa durante un debate co idioma no foco. Un día despois, en rolda de prensa, Prado salientou que a proposta electoral do BNG no que respecta á lingua era "un modelo de inmersión lingüística cun ensino totalmente en galego" e lembroulle á súa xefa de filas, Ana Pontón, que "os galegos e galegas non apoiaron esa proposta nas urnas e seguen sen apoiala a día de hoxe". Así o constata, na súa opinión, unha enquisa encargada recentemente polo Goberno galego e na que se conclúe que "só o 1 % das familias galegas optarían polo modelo de inmersión lingüística nas aulas".
"O INDEPENDENTISMO DEIXOU CAER A MÁSCARA"
"Mentres algúns queremos facer avanzar Galicia, outros seguen instalados en entorpecer", agregou, facendo referencia ao sucedido na reunión para renovar o Plan de Normalización Lingüística, na que, aseverou, "o independentismo deixou caer a máscara e mostrou que non queren un acordo polo galego, senón que o seu único obxectivo é romper con todo". En canto ao sucedido previamente no hemiciclo do Pazo do Hórreo, Prado advertiu que foi "un boicot vergoñento claramente teledirixido polo BNG ante o silencio atronador dos socialistas galegos". En fronte, defendeu que o Goberno galego seguirá dialogando desde o convencemento de que "a lingua é para unir e non para dividir" e consciente de que "o coñecemento dos profesionais que nas mesas de traballo si queren mirar cara ao futuro é clave para trazar o mellor camiño para o galego".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.