Familia e amizades do mozo falecido en Ordes agradecen a axuda prestada na súa busca

"Queremos agradecer enormemente a colaboración cidadá de todos os voluntarios da zona e dos que viñeron dende lonxe á batida", apuntan os familiares en declaracións a GC.

Por Galicia Confidencial | XANCEDA | 27/12/2019 | Actualizada ás 19:35

Comparte esta noticia

A familia e as amizades de Santiago Manteiga López queren agradecer a axuda prestada na súa busca. O mozo, de 19 anos de idade e natural de Xanceda (Mesía), desapareceu o pasado domingo, 23 de decembro, na zona de Leira (Ordes) tras participar nunha cea de Nadal da empresa na que traballaba. Dous días máis tarde e logo dunha intensa busca, o corpo sen vida do rapaz foi atopado no monte de Ardemil por un grupo de voluntarios.

Garda Civil
Garda Civil

Os efectivos despregados durante ese tempo traballaron sen descanso. A veciñanza da contorna axiña se involucrou na busca e foron máis de 200 persoas voluntarias as que non dubidaron en axudar nos labores. Por iso, a falimia e as amizades máis achegadas do mozo decidiron facer públicas estas palabras: "Queremos agradecer enormemente a colaboración cidadá de todos os voluntarios da zona e dos que viñeron dende lonxe á batida. Ademais, queremos facer unha mención especial á garda civil, á policía local, ao equipo de cans, a protección civil, ao equipo de drons (Manuel) e aos corpos de seguridade de Ordes".

Igualmente, agradecen "todos os medios e esforzos aportados tanto do Estado coma da cidadanía, que gratuitamente axudaron e se involucraron tanto".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta