O Museo do Pobo Galego acolleu este sábado o acto de peche dun ano en recordo a Antonio Fraguas, protagonista das Letras Galegas neste 2019 e que foi un "inocente por non colaborar coa ditadura e non deixar de traballar durante toda a súa vida por Galicia".
Así o recalcou o presidente do Padroado da institución, Xusto Beramendi, quen fixo a primeira intervención da homenaxe realizada o mesmo día do nacemento do escritor 114 anos despois.
Pola súa banda, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, subliñou que se trata dunha figura que "representa esa preocupación polas raíces populares" da cultura e a lingua galega.
Así mesmo, engadiu que "se algo representa a Antonio Fraguas é a conciliación", e falou do autor como alguén que se esforzaba por "saber que se pode avanzar xuntos, mesmo con certa diversidade, na creación dun país".
COLEXIOS E INTERNACIONALIZACIÓN
Por último, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, indicou que neste 2019 Antonio Fraguas "alagou" os centros educativos e "todos os puntos" da xeografía galega. Ademais, sinalou que se internazionalizou a súa figura, pois estivo presente en universidades de países como Brasil, Arxentina e Rusia.
Este acto finalizou cunha actuación do dúo Oradaladou e tivo lugar na "gran casa de Antonio Fraguas", segundo explicou Valentín García, pois o autor foi presidente e director do Museo do Pobo Galego. Alí, pecharon o ano dedicado ao escritor por ser elixido pola RAG como protagonista das Letras Galegas do 2019.