2019 afianza o maior proxecto xornalístico en lingua galega

GC e os seus socios comarcais –Xornal de Vigo, Lugo Xornal, Xornal da Mariña e Xornal de Lemos– suman máis de 80.000 seguidores en redes sociais e dous millóns de usuarios únicos. Temas sociais, medioambientais, científicos e relacionados coa lingua galega foron os máis vistos o pasado ano en Galicia Confidencial.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/01/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia Confidencial (GC) pechou 2019 con novas marcas históricas para este medio, que se consolida, un ano máis, como líder entre os xornais en galego.

Xornais das comarcas de Lugo, Vigo e Galicia Confidencial.
Xornais das comarcas de Lugo, Vigo e Galicia Confidencial.

Con preto de 63.000 seguidores en redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram), GC foi o primeiro xornal en galego en superar a barreira dos 60.000 e é, segundo as estatísticas oficiais de Facebook —rede que segue sendo a principal vía subministradora de visitas para os xornais dixitais—, o xornal en lingua galega con maior impacto por interaccións dos usuarios (likes, comentarios, novas compartidas, clics...).

A isto hai que engadir o aumento na audiencia de GC: un 15,81% máis de usuarios no noso sitio web, un 13,8% máis de usuarios novos, un 25,6% máis de sesións e un 18,64% máis de páxinas vistas.

Datos que corroboran a cada vez maior confianza que os cidadáns teñen neste xornal, o único 100% independente de Galicia, feito e dirixido só por xornalistas, sen grupos con intereses políticos ou económicos detrás, e sen subvencións de ningún tipo

O MAIOR PROXECTO XORNALÍSTICO EN GALEGO

Durante 2019 consolidouse. ademais, o proxecto de información de proximidade que impulsou GC coa colaboración con catro xornais comarcais novos: Xornal de Vigo, Lugo Xornal, Xornal da Mariña e Xornal de Lemos, que veñen aumentando tamén o seu impacto desde o seu nacemento, o 17 de maio de 2018, Día das Letras Galegas.

Xuntos, os cinco xornais, suman dous millóns de usuarios únicos e 80.000 seguidores en redes sociais, sendo o maior proxecto xornalístico en galego que existe na actualidade en Internet e un referente da información en Galicia.

En decembro púxose tamén en marcha unha nova edición en castelán de GC, o GCDiario, unha nova fiestra informativa que busca achegar máis a verdadeira realidade galega ao mundo hispanofalante.

CONTIDOS MÁIS VISTOS

En canto aos contidos, os máis vistos en 2019 foron principalmente temas relacionados coa situación da lingua galega e sociais, medioambientais, científicos e de sucesos. A continuación resumimos os dez publicados por GC que máis impacto tiveron, por orde de visitas:

1. A familia dun mozo atopado morto en Santiago apunta a un compañeiro.

Publicado o 20 de marzo, este artigo daba conta da desaparición e morte de Brais Bogo, un mozo de 24 anos que fora visto por última vez o 18 de marzo de 2016 en Santiago de Compostela, onde estudaba, xa que era natural de Ferrol, e cuxo corpo apareceu no río Sar en extrañas circunstancias doce días despois da súa desaparición. Tres anos despois, a súa familia volveu apuntar a un dos seus compañeiros de piso como sospeitoso da súa desaparición.

2. Juan Perol, o heroe de 18 anos que rescatou cinco mariñeiros en Porto do Son.

O 15 de novembro publicamos o recoñecemento público que Salvamento Marítimo fixo a Juan Perol, un mozo de 18 anos que salvou a vida a cinco dos nove tripulantes do 'Divina del Mar', o pesqueiro que encallara en Porto do Son. No barco navegaban nove mariñeiros, cinco dos cales foron rescatados por este mozo e un compañeiro. Outros tres conseguiron chegar a terra polos seus propios medios e outro faleceu.

3. O falcón abelleiro, una nova solución para rematar coas velutinas.

O 15 de febreiro publicamos as conclusións dun estudo que indica que esta ave puido ter rematado con 728 niños de vespas asiáticas na zona do Morrazo e O Salnés. O traballo, asinado por José Manuel Fernández, investigador da Universidade de Alcalá de Henares, foi presentado no Día do Apicultor, celebrado en Arzúa.

4. Dúas persoas mortas tras precipitarse por unha ponte en Ourense.

O 5 de agosto coñecíase que dúas persoas faleceran no que parecía ser un caso de suicidio en Ourense ao precipitarse desde o alto dunha pasarela á estrada N-120. Segundo confirmaron fontes consultadas por Galicia Confidencial, os falecidos eran nai e fillo.

5. Atopan camiñando de xeonllos e chea de frío á muller de 84 anos desaparecida en Mazaricos.

O 19 de novembro dábamos conta da desaparición e achado dunha muller de 84 anos desaparecida en Mazaricos e localizada desorientada a 800 metros da súa vivenda.

6. Familia e amizades do mozo falecido en Ordes agradecen a axuda prestada na súa busca.

O 27 de decembro, a familia e as amizades de Santiago Manteiga López expresaban o seu agradecemento a todas as persoas que colaboraran na busca deste mozo de 19 anos de idade e natural de Xanceda (Mesía), desaparecido o 23 de decembro, na zona de Leira (Ordes) tras participar nunha cea de Nadal da empresa na que traballaba. Dous días máis tarde e logo dunha intensa busca, o corpo sen vida do rapaz foi atopado no monte de Ardemil por un grupo de voluntarios.

7. Mexillóns, ameixas e berberechos das rías galegas, potenciais transmisores de hepatite E a humanos.

O 8 de agosto publicamos os resultados dun estudo feito por científicos galegos e portugueses que identificaron unha "prevalencia significativa" do virus da hepatite E en moluscos bivalvos das rías de Ares-Betanzos e Vigo, cuxa fonte de infección poderían ser granxas porcinas próximas. Os investigadores advertiron de que os procesos de depuración aos que se someten os moluscos destinados ao consumo humano “non son completamente efectivos para a eliminación viral”.

8. EN FOTOS | Así se turistificou Santiago: o antes e o agora de sete pequenos comercios da capital galega.

O 18 de xuño GC publicou unha reportaxe que supoñía unha viaxe no tempo a algúns dos comercios míticos de Santiago, agora convertidos en locais turísticos: ferraxerías, mercerías, comercios de artesanía, ultramarinos, librarías ou restaurantes locais agora invadidos por tendas de souvenirs, bares ou restaurantes que pertencen a cadeas.

9. Artai, neno de 11 anos galegofalante: "Os que falan castelán tamén están politizados?".

O 23 de setemnbro dimos voz a Artai Miragaio, un rapaz de 11 anos do barrio da Agra do Orzán, na Coruña que ten unha canle en Youtube na que vai narrando o seu día a día como galegofante. Nesta entrevista contaba as súas impresións sobre a lingua: "Vexo o futuro do galego moi mal".

10. Un masa polar entra en Galicia e deixará temperaturas de -10º.

O 9 de xaneiro saltaba unha alerta climatolóxica: a chegada dunha masa fría de aire polar que afectou a Galicia e boa parte da península ibérica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta