Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/01/2020 | Actualizada ás 12:39
O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) puxo en marcha unha iniciativa destinada a loitar contra o despoboamento rural mediante a transferencia de investigacións científicas. O proxecto comezará en Galicia, Asturias e Castela e León coa intención de estenderse por toda a denominada 'España baleirada'.
A Plataforma Temática Interdisciplinar (PTI) Alcinder, integrada por 16 grupos de investigación e empresas de diversos sectores, ten como obxectivo fixar poboación na contorna rural a través de iniciativas emprendedoras baseadas no I+D+i.
"O noso obxectivo é facilitar alternativas para a creación de microindustrias rendibles que combinen tecnoloxía punteira, recursos naturais, agrícolas e gandeiros, a cultura, a paisaxe e o capital humano" sinalou a responsable do Grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia e coordinadora do proxecto, Carmen Martínez.
Así mesmo, a investigadora afirmou que varios estudos científicos demostran que existe "un gran patrimonio agrario descoñecido e abandonado en zonas rurais despoboadas con posibilidades de valorización mediante o desenvolvemento de explotacións agrarias e industrias sustentables".
Desta forma, Alcinder abarca liñas de investigación de disciplinas moi diversas como Ciencias Agrarias, Informática, Telecomunicacións, Veterinaria, Mecánica ou Robótica entre outras e non descarta sumar outros sectores e axentes sociais de áreas afectadas polo abandono rural así como establecer sinerxías con outras entidades similares.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.