Por Alberto Quian | Madrid | 22/01/2020 | Actualizada ás 14:00
Un estudo de científicos galegos e portugueses alertou en 2019 de que moluscos bivalvos das rías galegas poden ser potenciais transmisores da hepatite E, tras detectar o virus en mexillóns, ameixas e berberechos das rías de Ares-Betanzos e Vigo. Agora, os mesmos investigadores publican un novo traballo no que identifican por primeira vez a hepatite E en ourizos de mar recollidos en Portugal e comercializados en Galicia para o consumo humano.
Ao igual que no seu anterior traballo, os investigadores identifican a fonte do virus da hepatite E (VHE) na contaminación fecal porcina (granxas) e humana que afecta as augas costeiras. E lembran que, ao igual que acontece cos mariscos, as regulacións europeas obrigan a vixiar o estado sanitario dos ourizos de mar destinados a consumo humano, aínda que, lamentan, “só por medio de indicadores fecais bacterianos”.
A preocupación sobre os ourizos vén polo feito de que estes, considerados un auténtico manxar moi cotizado hoxe en día, “se consomen crus e sen medidas previas de control ou redución dos riscos”, alertan os científicos. É por isto que consideran que “a contaminación do ourizo de mar con virus entéricos [como o da hepatite E] pode representar un risco para a seguridade alimentaria”.
Os científicos atoparon hepatite E en dous dos catro lotes analizados, recollidos en Praia Norte, preto da desembocadura do río Lima, a tan só uns 18 quilómetros de Galicia
O virus da hepatite E detectouse e cuantificouse en gónadas de ourizos de mar (parte comestible) recollidos no norte de Portugal, en concreto, no fondo mariño dunha área de Praia Norte, preto da desembocadura do río Lima, a tan só uns 18 quilómetros de Galicia. “Esta é unha área importante e intensiva de recolección de ourizos de mar que se comercializan principalmente na rexión próxima de Galicia”, destacan os científicos.
Os investigadores recolleron catro lotes de dez ourizos de mar cada un en setembro e novembro de 2016, e febreiro e maio de 2017. As mostras foron analizadas en laboratorio, onde se atopou o virus da hepatite E en dous dos catro lotes: os colleitados en setembro de 2016 e maio de 2017.
A secuenciación e a análise filoxenética revelou que se trata do xenotipo 3e de VHE e “está estreitamente relacionado con dúas secuencias de VHE detectadas en moluscos de Galicia”, salientan os autores desta investigación. O xenotipo 3e inclúe cepas do VHE humana e porcina procedentes de países industrializados.
REDUCIR OS RISCOS
A comunidade científica xa sabía que os mariscos bioacumulan virus entéricos (dixestivos) ambientalmente estables, como o VHE, presente en augas costeiras contaminadas con feces, detectándose en mariscos de varios países europeos (Dinamarca, Italia, España e Escocia).
Aínda que un estudo de 2009 suxeriu o consumo de mariscos como a causa dun brote de hepatite E no ano 2008, nun cruceiro no que varios pasaxeiros sufriron unha contaminación aguda, de regreso ao porto de Southampton (Reino Unido), con todo “aínda non se demostrou unha asociación definitiva entre o consumo de mariscos contaminados con VHE e a hepatite E”, aclaran os autores na nova achega científica.
“O risco asociado co consumo de ourizos de mar contaminados con feces non se pode pasar por alto, xa que se comen crus e sen medidas de control”
A diferenza do que acontece cos moluscos bivalvos, que “concentran contaminantes fecais mediante a alimentación por filtración da columna de auga”, no caso dos ourizos de mar estes “considéranse de baixo risco con respecto á posible contaminación fecal debido ao seu modo de alimentación baseado no pastoreo” sobre as algas, explican os investigadores.
E se ben a depuración dos moluscos bivalvos foi incluída na lexislación para reducir o risco de seguridade alimentaria, “este proceso non se aplica aos ourizos de mar”, algo que preocupa aos científicos, xa que “o risco asociado co consumo de ourizos de mar contaminados con feces non se pode pasar por alto, xa que se comen crus e sen medidas de control”, avisan.
Agora, co que destacan como “o primeiro estudo que informa sobre a contaminación por VHE dos ourizos de mar”, alertan de que, “do mesmo xeito que os moluscos, os ourizos de mar tamén poden ser un vehículo alimentario para a transmisión de HEV aos humanos”, polo que piden que se apliquen medidas de sanitarias para reducir os riscos para os consumidores.
“A contaminación por VHE dos ourizos de mar é un risco para os consumidores, xa que se comen crus”, conclúen.
O estudo, titulado ‘Hepatitis E virus genotype 3 in echinoderms: first report of sea urchin (Paracentrotus lividus) contamination’, publícase na revista científica Food Microbiology e está asinado por científicos da Universidade do Porto adscritos ao Centro Interdisciplinario de Investigación Mariña y Ambiental (CIIMAR / CIMAR), o Instituto de Ciencias Biomédicas Abel Salazar (ICBAS), a Unidade de Investigación de Epidemioloxía (EPIUnit) do Instituto de Saúde Pública e a Facultade de Farmacia, ademais do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
A hepatite E afecta a uns 20 millóns de persoas cada ano no mundo, causando 3,3 millóns de lesións hepáticas agudas e arredor de 56.000 mortes
HEPATITE E
A hepatite E é unha enfermidade que afecta a uns 20 millóns de persoas cada ano no mundo, causando 3,3 millóns de lesións hepáticas agudas, arredor de 56.000 mortes e enormes perdas económicas relacionadas coa atención médica, segundo datos da Organización Mundial da Saúde (OMS).
O organismo de Nacións Unidas sinala a vía fecal-oral como a principal canle de transmisión do virus da hepatite E (VHE), polo consumo de auga contaminada por feces. Pero existen outras vías de transmisión, como a inxesta de carne ou produtos cárnicos pouco cociñados derivados de animais infectados (como o fígado de porco), a transfusión de hemoderivados infectados e a transmisión maternofetal. Agora, os científicos galegos e portugueses sinalan os moluscos bivalvos e os ourizos de mar como potenciais transmisores do virus.
O período de incubación tras a exposición ao VHE oscila entre dúas e dez semanas, cunha media de 5 a 6 semanas. As persoas infectadas empezan a excretar o virus desde poucos días antes ata unhas tres a catro semanas despois do inicio da enfermidade.
Os signos e síntomas característicos da hepatite E, segundo a OMS, son unha fase inicial con febre leve, diminución do apetito, náuseas e vómitos, que dura poucos días; algunhas persoas poden ter tamén dor abdominal, prurito (sen lesións cutáneas), erupcións cutáneas ou dores articulares, ictericia (coloración amarelada da pel e a esclerótica dos ollos) acompañada de ouriños escuros e feces claras, e un lixeiro aumento do tamaño do fígado, con dor á palpación. Estes síntomas duran normalmente entre unha e seis semanas.
En raras ocasións, a enfermidade aguda convértese nunha hepatite fulminante (insuficiencia hepática aguda) que pode ser mortal. A hepatite fulminante é máis frecuente durante o embarazo. As xestantes con hepatite E, sobre todo no segundo e terceiro trimestres, presentan maior risco de insuficiencia hepática aguda e de morte propia e do feto. No terceiro trimestre rexístranse taxas de letalidade de ata un 20 % - 25 %.
Describíronse casos de infección crónica por VHE dos xenotipos 3 (o identificado nos moluscos galegos) e 4 en persoas inmunodeprimidas, sobre todo en receptores de transplantes e pacientes tratados con inmunosupresores. Con todo, son casos infrecuentes, segundo a OMS.
Non existe ningún tratamento específico que altere a evolución da hepatite E aguda. Como a enfermidade adoita remitir espontaneamente, non acostuma ser necesario hospitalizar o paciente. De feito, a OMS indica que é importante non administrar fármacos innecesarios, como paracetamol ou antieméticos.
Con todo, débese hospitalizar os pacientes con hepatite fulminante e, en certos casos, as embarazadas sintomáticas.
O antivírico ribavirina pode ser de utilidade para tratar pacientes inmunodeprimidos con hepatite E crónica e, en determinadas situacións, tamén se utilizou con éxito o interferón.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.