Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2020 | Actualizada ás 21:30
A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos mostra a súa "preocupación máxima" ante a nova lei de avaliación ambiental, cuxa tramitación comezou a pasada semana o Goberno galego. O seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, explicou entón que a normativa buscaría "axilizar" e "simplificar" os trámites para "favorecer o desenvolvemento económico" sen rebaixar a protección ambiental.
A través dun comunicado, o colectivo contrario á reconversión da canteira de Teo (A Coruña) nun vertedoiro expresa as súas sospeitas con que a nova lei servirá para "favorecer que as empresas se instalen no país coa maior celeridade posible" e "estudando en menor profundidade o posible impacto" da súa actividade.
"Non nolo podiamos crer! É o colmo! A Xunta está a aprobar proxectos que non cumpren coa legalidade en materia ambiental, como o Parque Eólico do Iribio (Lugo), entre outros. Son os xuíces os que os paran, pero como estes paróns retardan os seus proxectos, cambian a lei e listo", denuncia a plataforma.
Ademais, Casalonga Limpa de Residuos considera que esta nova norma "dificultaría unha adecuada participación cidadá" na defensa do medio. "A xente non se decataría de que un proxecto con moito impacto nas súas vidas como unha mina, un vertedoiro ou un parque eólico instalarase preto da súa vivenda ata que xa está implantado", asegura.
Paralelo a iso, afirma que o proxecto de lei de avaliación ambiental "podería reducir a participación a outros organismos" como concellos e asociacións ecoloxistas, posto que será "desde os despachos" onde se decidirá "se é pertinente consultar á ciuidadanía".
MINA TOURO-O PINO NON
Do mesmo xeito, tamén mostrara a súa oposición a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non. Pensan que a Xunta está favorecendo as empresas sen ter en conta o impacto que provocan no medio ambiente. Acúsana de utilizar este método para axilizar uns proxectos que, doutra forma, se estenden no tempo "porque non son viables".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.