Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/01/2020 | Actualizada ás 15:52
Galicia terá que afrontar máis pronto que tarde o gran reto da demografía e o Eixo atlántico advirte: en 10 anos perderá preto de 200.000 habitantes como parte dunha 'sangría' poboacional.
Este fenómeno está a producirse en paralelo a un cada vez maior envellecemento social e dunha desigual repartición de habitantes e baleirado das zonas do interior, con consecuencias tanto económicas (pola perda de poboación activa) como políticas, polo cada vez menor peso político do territorio no marco estatal.
Estas son algunhas das claves que reflicte o informe elaborado polo Eixo Altántico e presentado este martes na sede do Consello Económico e Social (CES), en Santiago de Compostela, co que se busca advertir da urxencia de afrontar esta situación e de tomar decisións políticas para frear a desertización poboacional do territorio.
Unha poboación estancada, en declive e fortemente envellecida. O autor do informe, Gonzalo Méndez, advertiu que se trata das características principais que reflicten as tendencias demográficas das últimas décadas, na que o peso dos maiores de 65 anos non só é "cada vez" máis grande, senón tamén aqueles que contan con 80 e máis anos por cada 100 persoas de máis de 65 (31,7).
Xunto a este acusado envellecemento destaca a desigual distribución territorial dos efectos, cunha concentración nas provincias e distritos urbanos e litorais e un cada vez maior baleirado do interior. Por iso as características e problemas demográficos son "especialmente intensos" nas zonas rurais, sobre todo nas provincias de Lugo e Ourense.
A esta situación únese unha natalidade insuficiente para compensar o número de falecementos ou da perda de poboación, gran parte dela que se marcha das súas zonas de orixe e concéntrase nos núcleos urbanos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.