Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2020 | Actualizada ás 13:23
Tras dous meses de protestas, manifestacións e peches, acusacións cruzadas entre grupos políticos e representantes da Administración, directrices médicas e a procura de dous profesionais que cubrisen a súa área de Pediatría, o paridoiro do Hospital de Verín reabrirá este luns as súas portas para continuar unha actividade que cesou a inicios de decembro do ano pasado, cando a Xunta decidiu pechalo en base a "criterios médicos" e de "seguridade".
Con todo, a situación vivida nesta área ata que o pasado 18 de xaneiro a xerente do Hospital Comarcal confirmou oficialmente que se atoparon dous pediatras para cubrir as prazas, non parece aínda superada no conxunto de Galicia.
De feito, a falta estrutural de pediatras, que apuntan tamén desde a Administración sanitaria, está a causar protestas en distintos puntos de Galicia, nos que profesionais, asociacións sanitarias e de pacientes aseguran que non se están cubrindo as baixas ou que faltan especialistas.
O último caso foi na Costa da Morte, onde os veciños de Fisterra denunciaron que non contan con servizo de Pediatría dado que a titular está de baixa; e o veciño Cee-Corcubión, onde o venres saíron á rúa a protestar tras coñecerse que un dos pediatras que a partir do luns traballará en Verín é, precisamente, o que cubría esta área. Desde a Xunta xa aseguraron, no entanto, que está previsto cubrir tamén esta praza.
UN PECHE POR "SEGURIDADE"
A situación do paridoiro do Hospital de Verín saltou aos titulares nos últimos días do mes de novembro do ano pasado, tras coñecerse que a Xunta ordenara o seu peche alegando motivos de "seguridade" para as nais e os bebés nados deste centro.
Foron, segundo explicou naqueles días o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expertos en Xinecoloxía e Pediatría da área sanitaria os que "por unanimidade" estableceron que debía tomarse esta situación por seguridade, dada a "diminución drástica de partos anuais".
Esta situación sumábase, ademais, á imposibilidade de cubrir as dúas prazas de Pediatría no hospital, que quedaron desertas na convocatoria do verán pasado e, de novo, nunha convocatoria extraordinaria que se pechou o 7 de xaneiro deste ano.
"Se temos pediatras en Verín e dinnos que volvemos dar as condicións de seguridade no parto e na atención aos nenos, volveremos rehabilitar o acto concreto do parto no hospital comarcal. Que son 60 actos de parto ao ano", asegurou, no seu momento Núñez Feijóo.
MANIFESTACIÓNS E PROTESTAS
Desde o primeiro momento, a decisión de pechar o paridoiro de Verín creou un forte malestar social e sucedéronse as manifestacións e protestas pola área, así como un peche no propio hospital.
Sindicatos, partidos políticos da oposición e plataformas como SOS Sanidade Pública ou a Asociación Galega de Matronas contrapuxeron os riscos que alegaban as sociedades médicas aos perigos de obrigar ás mulleres de parto na zona a desprazarse case 60 quilómetros para dar a luz, ata a cidade de Ourense.
De feito, nos dous meses que permaneceron pechadas estas instalacións naceron en Verín catro nenos, dado que a prema no parto facía inviable trasladalos ata o CHUO.
Despois de que a última convocatoria das prazas de Pediatría, pechada o 7 de xaneiro, quedase deserta, a nova xerente do Hospital de Verín —o anterior dimitiu por decisión persoal no medio deste conflito, o 27 de decembro— anunciaba nun comunicado o 18 de xaneiro a contratación de dous pediatras para o centro e a apertura do paridoiro a inicios do mes de febreiro.
Foi o conselleiro, Jesús Vázquez Almuiña, o que deu a data definitiva, este luns de 3, nunha comparecencia no Parlamento na que precisou que esta será a primeira vez desde 2006 que o centro conte co servizo de Pediatría.
Na mesma comparecencia, Vázquez Almuiña volveu sacar a colación a "escaseza de pediatras" que afecta a "toda España" e que fai prever que as protestas por estes servizos continuarán reproducíndose noutras áreas galegas, como agora ocorre na Costa da Morte.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.