Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2020 | Actualizada ás 17:55
A Consellería de Cultura abriu a convocatoria de axudas para o fomento da lingua galega no ensino, tanto para centros de titularidade privada como para centros de titularidade pública, que verán incrementada en 50.000 euros a contía destinada para este fin.
En total, Política Lingüística dedicará 373.833 euros a apoiar os proxectos de promoción do galego para o curso 2019/2020 dos equipos de dinamización da lingua galega do ensino preuniversitaria, así como os do profesorado responsable da promoción do galego naqueles centros que contan con menos de 6 unidades.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) xa publicou a orde do 27 de decembro de 2019 pola que se anuncia a convocatoria destas axudas para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade pública e privada de Galicia que imparten ensinos regulados de niveis non universitarios, para o curso escolar 2019/20. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o día 2 de marzo de 2020.
Os equipos ou profesorado responsable da dinamización da lingua galega nos centros educativos que desexen optar a estas axudas deberán presentar un proxecto e actuación de cuxa valoración dependerá fundamentalmente a contía que obterán para desenvolvelo, aínda que tamén se terá en conta o número de alumnado con que conte o colexio ou instituto.
A cantidade máxima que poderá percibir un centro será de 800 euros no caso dun colexio privado e de 1.000 no caso dun centro público, 200 máis que o curso pasado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.