Temas: FRASEOLOXíA

“(Delgado) Coma un espicho # un fiúncho”, dúas das moitísimas equivalencias galegas do castelán “(delgado) como un fideo” (1ª parte)

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 02/02/2025 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

En castelán, para se referir a unha persoa que está moi delgada, non é nada raro escoitar que esa persoa está (delgada) como un fideo.

Brotes de árbore froiteira
Brotes de árbore froiteira | Fonte: Interempresas - Arquivo

En galego dispomos dunha manchea de secuencias lingüísticas que fornecen esa mesma significación... tantas que imos dividir o presente artigo en dúas partes ou entregas a fin de facilitar a asunción de información por parte do lector e procurar non o saturar en exceso.

(Delgado) Como un fideo

{= Moi delgado, que presenta unha delgadeza moi acusada ou mesmo esaxerada.}

(Delgado) Coma un espicho

(Delgado) Coma un fiúncho

(Delgado) Coma unha argana

(Delgado) Coma unha espiña

(Delgado) Coma un espeto

(Delgado) Coma un fío

(Delgado) Coma un xunco

(Delgado) Coma un fideo

(Delgado) Coma un garabullo

(Delgado) Coma un carabullo

(Delgado) Coma un guizo

(Delgado) Coma unha miñoca

(Delgado) Coma unha lombriga

(Delgado) Coma un fouciño

(Delgado) Coma un ladral

(Delgado) Coma un canizo

(Delgado) Coma unha subela

[E MAIS TAMÉN]:

(Delgado) Coma unha estriga

(Delgado) Coma unha espadela

(Delgado) Coma unha doela

(Delgado) Coma un ganzo

Ex.: Aunque ahora a lo mejor no os lo creáis, hasta los dieciséis o diecisiete años el tipo estaba como un fideo.

Malia que agora se cadra non o creade, ata os dezaseis ou dezasete anos o guichiño estábavos coma un espicho coma un fiúncho coma unha argana coma un fío coma un fideo coma un espeto coma un garabullo coma un guizo coma unha espadela coma unha doela.

● Tamén:

(Delgado # Fraco...) Coma un vimbio # coma unha corre # coma un fuso # coma unha estadea # coma unha ánima # coma a palla do centeo # coma a folla do centeo # coma unha frauta # coma unha latoira # coma unha liña # coma unha vara # coma un canivete # coma un asubío # coma un guicho

● Tamén:

(Delgado # Fraco...) Coma un chantón # coma un escano # coma un cangallo # coma unha esparrela # coma un chamizo # coma un leño # coma un espárrago

● Tamén:

(Delgado # Fraco...) Coma un can # coma un can polas pernas # coma unha gata parida

● E tamén:

(Delgado # Fraco...) Coma unha pistraca # coma un esbirro # coma un esperpento && Seco coma un enganido

● E mais tamén:

(Delgado # Fraco...) Coma un bacallau # coma un xurelo # coma un arenque # coma unha anguía # coma unha quenlla # coma unha faneca da oca && [E MAIS]: (Delgado # Fraco...) Coma un rabo de bacallau # coma un bacallau polo rabo # coma unha sardiña pola punta do rabo

● E inda tamén:

(Delgado # Fraco...) Coma un pau de virar as tripas # coma un pau de viratripas && (Delgado # Fraco...) Coma o escalladoiro do forno # coma unha cancela furada # coma as táboas dunha cancela # coma un fideo escapado da sopeira # coma o can polo rabo && [E MESMO TAMÉN]: (Delgado # Fraco...) Coma o que tivo un preito cun bacallau e llo gañou

NOTAS:

1. Repárese (e esta nota rexe tanto para a presente entrega coma para a vindeira) en que para todos estes casos se pode optar, no canto de delgado, por flaco en castelán e fraco en galego, así como tamén, en función dos contextos, por outros adxectivos que, grosso modo, veñen a fornecer un contido idéntico ou moi semellante, coma por exemplo seco, ou incluso chupado, mirrado, murchado...

Mesmo tamén nalgunha ocasión está rexistrado o emprego do adxectivo, antónimo a todos estes, gordo, cuxa utilización no enunciado cómpre tomala, evidentemente, a xeito de retranca ou ironía:

Ex.: Yo por aquel entonces estaba como un fideo.

Eu daquela estábavos gordo coma un bacallau polo rabo gordo coma o can polo rabo.

De igual xeito, tamén se pode optar pola secuencia hecho un/una (castelán) e feito un/unha (galego).

Ex.: Está hecho un fideo.

Está feito un espicho un fiúncho.

2. Téñase igualmente en conta que malia que para estes casos o tipo de comparanza máis recorrente é o da comparanza de igualdade, tamén sería posible optar pola comparanza de superioridade: está máis delgado un espicho # ca un fiúncho # etc.

3. Supomos que a voz guicho, para o que aquí nos interesa, fai referencia a un “pincho” (Dicionario de voces galegas de hoxe, de Constantino García, e con anterioridade outras obras lexicográficas).

Nesta mesma liña, a voz escano é usada, no contexto a que estamos a facer referencia, como sinónimo de “espiña”, tal e como nos indica Elixio Rivas:

escano

s.m.

Espina. La forma original era argano-a, espina de pescado. En Covelas dos Blancos, Our. Dicen Delgado coma un escano. (FrampasIII)

Así mesmo, a voz enganido intuímos que non fará referencia á doenza ou enfermidade, senón á persoa que sofre esa doenza.

Polo que atangue á voz oca, que forma parte da locución faneca da oca, non sabemos con certeza a que pode facer referencia. Por lanzar algunha hipótese: ¿podería ser, quizais, unha variante da voz ouca, que presenta o significado de “alga”, tal e como recolleu xa Martín Sarmiento no século XVIII?:

golfe ocle oca xebra estrume argazo

 

(de alga) y sargazo acaso, portugués. Son casi plantas marinas, que arroja el mar. En Pontevedra ceba. ¶112. Catálogo ...vegetables 1754-1758

4. As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas (xuntamos as fontes das que se tiraron as expresións tanto desta entrega coma da seguinte):

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Anta Fernández, Alicia: “O Robledo é capital e o demais son conquistas: fraseoloxía de Robledo de Domiz”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 23, 2021, páxs. 141-157. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Barbeito Lorenzo, María Dolores: “Frases feitas do Concello das Neves”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 7, 2005, páxs. 293-301. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Castelo Santaballa, Lela & Quintairos-Soliño, Alba: “Tras deste tempo, tempo vén. A fraseoloxía de Xermade”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 22, 2020, páxs. 195-229. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Castro Otero, Salvador et alii: “Largando aparellos nos caladoiros do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 22, 2020, páxs. 231-256. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 1”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 14, 2012, páxs. 287-308. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Da Cerna: “Ditos, frases feitas e refráns”, no blog “Da Cerna”, accesible no enderezo https://dacerna.blogspot.com/p/ditos-e-frases-feitas.html

- Estévez Rionegro, Noelia: “Fraseoloxía do noroeste de Valdeorras”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 305-317. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

- Ferro Ruibal, Xesús: “Cadaquén fala coma quen é. Reflexións verbo da fraseoloxía enxebre”. Discurso de ingreso do profesor Ferro Ruibal na Real Academia Galega o 4 de maio de 1996.

- Ferro Ruibal, Xesús: “Locucións e fórmulas comparativas ou elativas galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 179-264. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Fraseoloxía Carcamana. Dentro do blog Historia e historias da Arousa.

- García García, Nuria: “Breve achega á fraseoloxía do Couto de Oíns (Arzúa)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 24, 2022, páxs. 167-183. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe (1985). Universidade de Santiago, Verba, anexo 27. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Blog no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/.

- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Guerra Otero, Pilar: Así falan en Trasar. Obra á que se pode acceder, a través da internet, no enderezo seguinte: https://www.ogalego.eu/exercicios_de_lingua/exercicios/pilar11.html

- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Irmandades da Fala: Vocabulario Castellano-Gallego de las Irmandades da Fala. Imprenta Moret-Galera, 48, A Coruña 1933.

- López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Lugrís Freire, Manuel: Gramática do idioma galego (2ª edición, corrixida e aumentada). A Coruña, Imprenta Moret (Galera, 48), 1931.

- Martínez [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “O labor de fraseógrafo de Manuel Leiras Pulpeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 59-77. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.

- Otero Álvarez, Aníbal: “Vocabulario de San Jorge de Piquín”. Revista Verba, anexo 7. Universidade de Santiago de Compostela.

- Penín Rodríguez, Dorinda: “Frases feitas de San Lourenzo de Abelendo”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 10, 2008, páxs. 255-264. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

- Real Academia Galega: Diccionario gallego-castellano, de entre 1913 e 1928. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Requeixo Cuba, Armando: “Sobre fraseoloxía galega: algunhas mostras da área mindoniense”. Cadernos de Lingua, 9, 1994, páxs. 89-110.

- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina):

a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.

b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.

c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Soto Arias, María Rosario: “Novas catas no campo nocional dos peixes e outros animais mariños”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 97-123. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

- VV.AA.: Unha maré de palabras (Contribución ao léxico do Morrazo). Xunta de Galicia–Museo Massó, 2005.

- VV.AA.: Expresións galegas. Escolma. Obra actualmente non dispoñible e á que no seu día se accedeu, a través da internet, no enderezo seguinte: http://xatevexo.blogspot.com/2007/07/expresions-galegas.html .

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta