"Máximos históricos" en peregrinos e viaxeiros a Santiago durante o 2019

Respecto aos orzamentos municipais, o Goberno local de Santiago de Compostela mantén o seu obxectivo de poder aprobalos ao longo deste mes de febreiro.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/02/2020 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

O pasado ano foi un novo exercicio de cifras record para o Concello de Santiago en materia turística, tras rexistrar "máximos históricos" tanto en pernoctacións coma no número de peregrinos chegados a través do Camiño e dos viaxeiros e pasaxeiros do Aeroporto de Lavacolla.

Así o confirmaron en rolda de prensa o concelleiro desta área no Goberno local, Gumersindo Guinarte, xunto coa xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, na que fixeron balance dos bos resultados alcanzados durante 2019 na capital galega e das "perspectivas positivas" de cara ao presente exercicio.

Un dos datos máis destacados radica en que a cidade logrou a maior cifra de pernoctacións anuais na súa historia, con 1.466.282, un fenómeno que se deu en paralelo ao afloramento de pisos e vivendas de uso turístico, que non están contabilizadas nos datos do INE que serven de base para o balance utilizado polo Goberno local.

É por iso que Guinarte insistiu que as pernoctacións foron, en realidade, aínda "máis elevadas do que reflicten as estatísticas", superando mesmo ás que se conseguiron no Ano Santo de 2010.

O Goberno local atribúe estes resultados á desestacionalización da demanda, posto que os meses con maior incremento foron abril, outubro, decembro e maio, e febreiro, cun aumento do 19, 17, 15 e 11 por cento, respectivamente, respecto ao pasado ano. En contraposición, xuño mantivo as súas cifras e agosto experimentou unha lixeira baixada (2%).

Doutra banda, Lavacolla consolidouse como "o principal aeroporto de Galicia", con máis do 55 por cento da cota de mercado e superando en dous puntos ao ano precedente. As cifras ascenderon a uns 2.903.427 pasaxeiros, superando en 175.000 a 2018 e cun crecemento do 6,5 por cento.

O camiño de Santiago tamén se situou en máximos históricos con case 350.000 peregrinos e un aumento do 6 por cento. Por primeira vez, ademais, superáronse os 200.000 peregrinos internacionais.

O concelleiro de Turismo compostelán, Sindo Guinarte, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil. EUROPA PRESS - Arquivo
O concelleiro de Turismo compostelán, Sindo Guinarte, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

ORZAMENTOS MUNICIPAIS

Con respecto aos orzamentos municipais, o Goberno local de Santiago de Compostela mantén o seu obxectivo de poder aprobalos ao longo deste mes de febreiro e destaca que as conversacións con Compostela Aberta, o grupo preferente co que buscan chegar a un acordo para sacar as contas adiantes, van por bo camiño e as negociacións continúan "avanzando".

Así o trasladou o concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo, Gumersindo Guinarte, preguntado este venres en rolda de prensa, na que valorou a aprobación esta semana dos orzamentos de Incolsa "sen ningún voto en contra", coa maioría absoluta que requiren os estatutos da sociedade.

Aínda faltaría a aprobación das contas do Auditorio de Galicia e do Refuxio de Animais, pero Guinarte destacou que o Executivo local segue "avanzando" co obxectivo de tentar sacar adiante os orzamentos durante este mes.

O propio alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, xa avanzara que a aprobación inicial dos orzamentos municipais levará ao pleno do 27 de febreiro, "con acordo ou sen acordo" con algún dos grupos.

"COINCIDENCIAS" DE PARTIDA

A intención, no entanto, é chegar a un acordo co grupo municipal de Compostela Aberta, con quen están "a avanzar na negociación" sobre un documento de traballo que recolle propostas concretas, para ver "cales delas poden ser incorporadas ao proxecto de orzamentos sen alterar a súa esencia", engadiu Guinarte.

"Constatamos que hai moitas coincidencias de partida, moitos elementos en política social, en investimentos... que xa están no noso proxecto de orzamentos e aparecen propostas de integración por parte de Compostela Aberta, e iso fai fácil, ou máis fácil, avanzar nesa negociación".

Todo iso non impedirá, matizou, a incorporación de achegas por parte do resto de grupos que integran a corporación municipal e que teñan encaixe no proxecto orzamentario.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta