Cataláns e vascos volven condicionar a axenda política galega e poñen en apuros a Feijóo

Todos á expectativa do que diga Feijóo: Haberá ou non adianto electoral?. O presidente galego pode anunciar en breve a súa decisión. Non lle queda moito tempo para facelo se quere que sexa en abril. Antes deberá aclarar se se volve presentar. Os grupos da oposición din non estar preocupados, pero pídenlle a Feijóo que se aclare canto antes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2020 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

"Hai que deixar que o presidente estea tranquilo porque sempre toma as decisións acertadas". As verbas do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, resumen o sentir de toda a familia popular ante, quizais, a decisión máis difícil que ten que tomar Alberto Núñez Feijóo desde que goberna en Galicia.

O secretario de Organización do PSOE e ministro de Transportes, José Luís Ábalos, saúda xunto ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,  no Comité Nacional do PSdeG en Santiago de Compostela (Galicia
O secretario de Organización do PSOE e ministro de Transportes, José Luís Ábalos, saúda xunto ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, no Comité Nacional do PSdeG en Santiago de Compostela (Galicia | Fonte: España) a 25 de xaneiro de 2020.. Álvaro Ballesteros - Europa Press

A decisión, primeiro, de Quim Torra, presidente de Cataluña, de convocar eleccións anticipadas, e, despois, do lehendakari vasco, Íñigo Urkullu, de adiantar as do País Vasco teñen posto a Feijóo nunha dura tesitura. Ata agora, e en tres eleccións consecutivas, os galegos foron convocados ás urnas o mesmo día que eran convocados os vascos. E en todas as ocasións, Galicia foi a cabalo da decisión dos presidentes de Euskadi.

Con todo, Feijóo anunciaba este mesmo luns que tomará unha decisión sobre a data electoral galega "de forma inmediata", unha vez despexado o horizonte de Euskadi, onde se dá por feito que esta mesma tarde o lehendakari, Iñigo Urkullu, anunciará un adianto da cita coas urnas ao próximo 5 de abril. En declaracións aos medios en Mazaricos, Feijóo asegurou que adoptará unha decisión nas próximas horas --dispón dunha marxe temporal moi axustada para decidir se fai coincidir os comicios galegos cos vascos-- e que, para trasladar calquera información, tamén se convocará "de forma inmediata e prioritariamente" aos medios.

Preguntado acerca de se vai cambiar a súa opinión en función do anuncio que poida facer esta tarde o lehendakari, insistiu: "O que teñamos que comunicar, ímolo a comunicar inmediatamente a través dos medios".

DIFICULTADES

En todo caso, Feijóo esforzouse en desligar a súa decisión do paso de Urkullu. "A decisión que teñamos que tomar non vai ter unha relación directa co que expoña o lehendakari; non ten que ver co que se diga hoxe ás 16,00 horas, senón co que pensemos que é mellor para Galicia. O que vaiamos decidir ímolo a decidir de forma inmediata e vostedes van ter, por suposto, unha comunicación directa. Son os primeiros que van ter esa información", subliñou.

Pero, nesta ocasión é diferente. A posibilidade de que as vascas coincidan no horizonte temporal coas catalanas, e, especialmente, que sexan convocadas sen tempo para availar ou criticar as políticas do novo executivo de Madrid, están provocando moitas dúbidas no presidente galego. Dúbidas que crecen logo da masiva manifestación deste sábado en Santiago en contra dos recortes na sanidade pública. Un tema, o sanitario, que pode provocar, precisamente, que Feijóo perda a maioría absoluta.

Por iso, evita falar sobre un posible adianto electoral ata que non teña sopesado os pros e os contras e, sobre todo, ata que el mesmo non se decida a encabezar a candidatura do PP a esa reelección, algo que, polo momento, tamén está no aire. Por iso, Santalices evita meter presión ao seu xefe de filas, e cuestionado polo feito de que un adianto para o 5 de abril supoña que o Parlamento de Galicia deixe de estar hábil nos próximos días, dixo que no Pazo do Hórreo aínda hai "moita actividade".

"Eu vexo moito movemento hoxe por aquí, moita actividade, moita reunión preparatoria", destacou Santalices, que considerou "positivo" que os deputados traballen no que "á xente" lles "pediu" e polo que a xente os elexiu". "E elixiunos para ser deputados, traballemos como deputados e como deputadas. Hai aínda moitas cousas que facer aínda", sostivo.

OPOSICIÓN

Na oposición a visión é moi diferente, porque un adianto electoral, igual que ao PP, tampouco lles ven ben a ningún, agás ao PSOE, que é o mellor posicionado ata o momento. Así, un dos viceportavoces parlamentarios desta formación, Luís Álvarez, instou ao presidente galego a "aclarar con absoluta claridade" cal é o escenario electoral que baralla para Galicia.

O presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, nun acto de partido.. PPDEG
O presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, nun acto de partido.. PPDEG

Na súa intervención, Luís Álvarez asegurou que o "problema" que ten o Partido Popular é que "non é capaz de analizar cal é o mellor escenario electoral que ten" porque a realidade "vai desmontando cada día as súas mentiras sobre as que vén construíndo a súa descarnada oposición contra o goberno de Pedro Sánchez".

COMÚN DA ESQUERDA

Común da Esquerda non ten nin candidato, nin tampouco sabe se se presentará cos mesmos actores ás galegas. Por iso, a portavoz mediática deste grupo na Cámara, Luca Chao, sostivo que o calendario electoral galego non debería "depender das decisións" doutras comunidades.

En rolda de prensa este luns, incidiu en que "canto antes, mellor", pero "non porque o fagan outros territorios", senón porque "hai síntomas de esgotamento". "Leva dez anos en que nos deixa un país peor", aseverou, antes de convir que, por tanto, o mellor é que "a cidadanía poida decidir canto antes".

Sobre as posibles alianzas do espazo rupturista e o candidato, e preguntada especificamente polo excalcalde de Santiago, Martiño Noriega; Luca Chao indicou que "o candidato será o que decida democraticamente os militantes que conforman o espazo político".

BNG

Pola súa banda, un adianto electoral tamén collería a un BNG sen a súa líder e candidata, Ana Pontón, en pleno rendemento, xa que goza dunha baixa maternal tras ser nai hai uns días. Neste sentido, a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, insistiu en que, se hai adianto electoral en Galicia, os nacionalistas están preparados. "Temos proxecto, candidata e a decisión de saír a por todas", suliñou.

"Temos proxecto, candidata e a organización preparada para saír a por todas. Non nos corresponde tomar a decisión sobre esa convocatoria e, cando sexa, sairemos a por todas. Estaremos listas", aseverou.

FEIJÓO

Sobre esta cuestjión, Feijóo tamén puxo o acento, preguntado respecto diso, en que todos os partidos da oposición din "que están preparados" e que os comicios deben ser "canto antes". "Se hai unanimidade respecto diso (na oposición), paréceme ben coñecela", dixo, para concluír que, "neste momento", os conselleiros non teñen aviso de que vaia a haber un Consello extraordinario antes do xoves para que lles informe da data electoral.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta