Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/02/2020 | Actualizada ás 17:56
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, decidiu adiantar as eleccións galegas ao 5 de abril e Galicia volverá ir ás urnas da man de Euskadi, como fixo no últimas tres convocatorias. Feijóo reuniu esta tarde o seu Goberno e convocou os medios para comunicar a súa decisión, pouco despois de que o lehendakari vasco, Iñigo Urkullu, anunciase o adianto vasco.
A decisión, primeiro, de Quim Torra, presidente de Cataluña, de convocar eleccións anticipadas, e despois, do lehendakari vasco, Íñigo Urkullu, de adiantar as do País Vasco puxeron a Feijóo nunha dura tesitura. Ata agora, e en tres eleccións consecutivas, os galegos foron convocados ás urnas o mesmo día que eran convocados os vascos. E en todas as ocasións, Galicia foi a cabalo da decisión dos presidentes de Euskadi. E, nesta ocasión, máis que nunca, vascos e cataláns volven condicionar a axenda política galega.
Feijóo anunciaba na mañá deste mesmo luns que tomaría unha decisión sobre a data electoral galega "de forma inmediata", unha vez despexado o horizonte de Euskadi, onde se daba por feito que esta mesma tarde o lehendakari, Iñigo Urkullu, anunciaría un adianto da cita coas urnas ao próximo 5 de abril, como así fixo.
En declaracións aos medios en Mazaricos, Feijóo aseguraba que adoptaría unha decisión nas próximas horas --dispoñía dunha marxe temporal moi axustada para decidir se fai coincidir os comicios galegos cos vascos-- e que, para trasladar calquera información, tamén se convocararía "de forma inmediata e prioritariamente" aos medios.
Preguntado acerca de se ía cambiar a súa opinión en función do anuncio que poida facer esta tarde o lehendakari, insistiu: "O que teñamos que comunicar, ímolo a comunicar inmediatamente a través dos medios". E esa comunicación acaba de chegar a primeira hora da tarde deste luns. Feijóo convocou de urxencia ao seu goberno e logo aos medios de comunicación. Sobre a mesa, o adianto electoral xa anunciado.
A XUSTIFICACIÓN DE FEIJÓO
O presidente da Xunta xustificou este luns adiantar as eleccións, que tocarían despois do verán, polo obxectivo de "reducir ao máximo o período electoral" e evitar "unha campaña de seis ou sete meses", á vez que desligou o paso do horizonte electoral catalán.
Este mesmo luns o presidente asina o decreto que ratifica o adianto electoral de medio ano e a nova lexislatura empezará o 5 de maio de 2020. Feijóo remarcou que o Goberno que saia das urnas terá "moito camiño andado" e marxe para aprobar en tempo e forma os orzamentos para o ano que vén.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.