Morosos con chalés e coches de alta gama na capital galega

Galicia Confidencial acompaña un cobrador para comprobar como traballan as empresas de cobranza en Galicia.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/03/2020 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Visito a golpe de luns a sé central dunha empresa de cobro de morosos: a Funeraria del Cobro e o Buda del Moroso. Non hai mellor forma de comezar a semana. Será certo o que se di deste tipo de negocios? Como se cobra a día de hoxe? O ceo está ateigado de nubes, case que non se ve o punto álxido do edificio. Vai friaxe. Diante da porta de acceso atópase un coche fúnebre. 

La Funeraria del Cobro
La Funeraria del Cobro | Fonte: remitida

 

É ben cedo. Non fago nada a pé de rúa, así que dou un paso en firme e entro. Sei que non lle debo nada a ninguén. Non se escoita nin un só ruído. Subo as escaleiras ata o segundo andar. Vexo o imaxe dun Buda ao carón dunha das portas. Non cabe dúbida: cheguei ao meu destino. Os pasos e as palabras que se escoitan detrás desa construción de madeira descartan xa a soidade. Chamo entón. Tardan en abrir un chisco. Empuxo a porta e xa estou dentro.

 

VIAXE EN COCHE FÚNEBRE

 

Coche fúnebre de La Funeraria del Cobro
Coche fúnebre de La Funeraria del Cobro | Fonte: remitida

Tiña unha cita con Martín, un dos cobradores. Na Funeraria del Cobro son madrugadores. Pregunto por el. María, responsable do departamento de Contabilidade, dime que agarde cun sorriso. Ofréceme doces. Rexeito o convite: demasiado azucre para almorzar. Tanta amabilidade contrasta con tanto crucifixo nas paredes. Onde estou? “Son un tipo moi doce. Antes rexentaba unha panadaría”, dicía Ángel, o xefe, nunha entrevista para un programa da TVG. As oficinas constátano.

 

Dende o asento vexo un rapaz falando por teléfono. Vai de traxe e móvese dun lado a outro. Polo cruce de miradas diría que é Martín. “Non ías pagar hoxe? Pois non te preocupes. Xa nos vemos agora”. Efectivamente é el. Colga e saúda cun movemento de cara propio dos milenistas. “Imos a Ames”, di con certa présa. Non tardei en voltar ao punto de partida.

 

A vida dá moitas voltas. Non chego aos 25 e xa subín a un coche fúnebre. Non calquera ten o privilexio. A verdade é que non me sinto nada especial. “Es un afortunado”, chancea Martín. Comeza a sonar a radio. Reprodúcese a canción “Vas a Quedarte” de Aitana. Esperaba algo de AC/DC. Volto a cabeza e non avisto ningún ataúde. O seu lugar ocúpano uns pneumáticos de reposto. Pregunto por eles. “Ás veces os morosos pínchannos as rodas”, explica o condutor.

 

Entra unha chamada. Contesta Martín: “Ola, Juan (nome ficticio)”. O xestor escoita con atención. Gritos ao outro lado do teléfono. Intúo que é un moroso e está enfadado. “Carai. Onte dicías que ías pagar e hoxe de súpeto cambias de actitude! Só che quedan 200 euros. (...) Paga e esquécete de nós, ho!”. Así finaliza Martín a chamada. “Levamos con este expediente ano e pico. É un tipo razonable, pero ás veces dáselle polos insultos. É unha tontería, para o que lle queda...”, aclara. Namentres explica, o moroso segue a chamar. Desta vez non lle contesta o teléfono. “Xa lle pasará”, di Martín. “Na Funeraria del Cobro non perdemos o tempo con faltas de respecto”, continúa.

 

É inevitable non pasar desapercibidos. Todos nos miran, coches e peóns. “Estarás acostumado a ser o centro de atención”, dígolle. “Non te creas, non adoitamos empregar este coche. É máis un reclamo que funciona ben nos medios”, responde. Empezo a sentirme culpable polo mero feito de ser xornalista. Serei o motivo polo cal o empregan?

 

No que queda de viaxe, Martín fálame dos logros da empresa: “Non pagar está de moda. Cada vez entran máis clientes. Xa somos máis de 6.000... A crise axuda. Normalmente é diñeiro que se dá por perdido e a xente ten medo de non recuperalo. Na meirande parte dos casos si que se cobra”. Ármome de valor: “É certo que se ameaza aos morosos?”. “As empresas de recobro xa non son o que eran. Os traballadores asinamos un código de conduta, polo que temos implantado un plan de prevención de delitos.  Ás veces denuncian por ameazas e coaccións para demorar o pago. O que non saben é que nos xuízos teñen que demostralo, por iso adoitan perdelos”, responde con rotundidade. Eu imaxino que xa teñen que estar acostumados a este tipo de preguntas. 

 

CHEGADA Á CASA DO MOROSO

 

De súpeto faise o silencio. Non tardamos en chegar. Martín aparca diante da casa do moroso, xusto detrás dun coche de alta gama. É un chalé de dous pisos. “¿Ti cres que este home non pode pagar? Pois coma este, moitos”, di. Baixa do vehículo e toca o timbre. Non contesta ninguén. “Este está na casa. Sempre fai o mesmo. Pásame un deses sobres do caixón”. Seguidamente, introduce dentro unha tarxeta. Nela lese “ROGAMOS QUE SE PONGA EN CONTACTO CON NOSOTROS”.  Deixa o sobre na caixa de correo que acompaña a grande porta. 

 

Ponte cómodo. Imos quedarnos como media hora fóra. A ninguén lle gusta que o molesten, pero tampouco gusta que che deban cartos”, adianta Martín. Namentres, marca o número do moroso. Non colle ao teléfono. Seguidamente, comeza a facer outras chamadas: “Tes onde apuntar? Ingresa os cartos a este número de conta: E de España, S de Sevilla...”, di nunha delas.  “O meu traballo baséase na paciencia e na insistencia. Ao moroso hai que recordarlle canto debe. Nós debémonos aos nosos clientes”, puntualiza.

 

Pasa o tempo e, entre tanto, ensíname o vídeo publicitario que lanzaron o pasado Nadal: “Fixemos dúas versións, unha en castelán e outra en galego”. Parecía que non ía pasar absolutamente nada. Porén, unha muller abre unha das fiestras da ampla vivenda. Martín saúda enerxicamente. Non tarda en entrar outra chamada. Desta vez en número privado. “O máis probable é que sexa o moroso de antes. Vas ver” (...). Martín colga de novo o teléfono. “Pois si, era el”, constata.

 

NEGOCIO MÁIS QUE RENDIBLE

 

Arrancamos de novo en dirección á oficina central. “Este traballo é un non parar. Nos pasamos o día dun lado para outro. Compadezo os xestores de Madrid. É un luxo traballar en Galicia!”, dime. Entre unhas cousas e outras chegamos de novo ao noso destino. O ceo xa está máis despexado. “Hoxe entran 1.500 de Secadores María (nome de cliente ficticio)”, informa Martín. Os seus compañeiros amosan certa indiferenza. Deben de estar acostumados. O que está claro é que a cobranza de morosos é un negocio máis que rendible. “Ves esa pila de alí? Son unha morea de expedientes... E só de Pontevedra”, exemplifica deste xeito a grande porcentaxe de morosidade.

 

“Teño que ir á Coruña, vés?”, pregúntame Martín. Penso que xa é hora de marchar, posto que xa non hai moito que ver. “Cara a onde vas? Achégote?”, pregunta Martín. Dígolle que non é necesario. Abandono as oficinas sorprendido polo bo trato. Estaba claro que xa me estaban esperando. A Funeraria del Cobro e o Buda do Moroso é unha empresa de cobranza de morosos particular, con coches fúnebres que levan pneumáticos e doces nas oficinas. Agridoce, máis ben. “Que só quede nun susto”, din eles na súa páxina web. E aí quedou.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta