Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2020 | Actualizada ás 22:00
Son moitos os bulos que rodean esta nova enfermidade e iso aumenta a alarma entre a poboación. Os recontos diarios de novas persoas afectadas xeran nerviosismo, pero o certo é que o Coronavirus ten un grao de letalidade moito menor que outras epidemias e que a propia gripe común. Ademais, o seu nivel de contaxio non é dos máis altos: o Coronavirus adoita aloxarse nas gotas de saliva de tamaño medio, de maneira que se nos posicionamos a un metro ou metro e medio do noso interlocutor, esas secrecións que producimos ao falar e que poderían conter Coronavirus caerán ao chan e non chegarán a nós.
O Coronavirus é un tipo de virus que muta moi rápido e adoita adaptarse con facilidade a novos hóspedes, pero existen dende hai ben anos. A tos seca, febre, pouca conxestión e dores musculares son os síntomas máis habituais desta enfermidade, que ademais, ten un período de incubación de 2 a 3 semanas. Polo de agora, ningunha crianza se viu afectada por este virus, e os expertos recoñecen como 'paciente tipo' aos homes duns 45 anos. Neste propotipo, a mortaldade non supera o 0,3%. Con todo, no grupo de maior risco atópanse as persoas de máis de 65 anos con enfermidades cardiovasculares previas.
Fronte aos interrogantes e fronte ao descoñecido, aquí van dez dúbidas resoltas da man da xefa do Servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública do CHUAC, María José Pereira.
Que tipo de enfermidade é o Coronavirus?
É un tipo de gripe. A familia dos Coronavirus son virus coñecidos que provocan normalmente infeccións respiratorias moi similares ao cadro clínico da gripe común. Desde hai case 20 anos, tivemos en tres ocasións a aparición dunha nova variante. De feito, o COVID-19 é unha desas variantes dentro da familia do Coronavirus. A información que temos é que é clinicamente moi similar, tanto na forma de presentación como na gravidade, a unha gripe que aparece de forma epidémica todos os invernos no noso país. Si que é certo que como é un virus novo que está nunha fase especialmente sensible porque podería mutar e porque queremos que non se incorpore á batería de xermes que circulan no noso entorno, estamos facendo un plan especial de control.
Como funciona este plan que se puxo en marcha?
É un sistema de vixilancia específico que ten que ver coa necesidade de identificar o antes posible aqueles pacientes que puideran ser portadores deste virus, para diagnosticalos, tratalos, e a ser posible, evitar ou minimizar a posiblidade de transmisión que estes pacientes enfermos puideran facer do virus á poboación. Esta é a fase na que estamos. Chámase fase de contención, porque o que queremos é evitar a transmisión continuada e sostida do virus.
Como se transmite este virus?
Transmítese cando tusimos, falamos ou esbirramos e soltamos pequenas partículas de saliva de micras que poden chegar directamente nese momento ás mucosas doutras persoas. Ademais, se eu estou falando, contamino o meu entorno, polo tanto, se logo vén outra persoa e toca primeiro ese entorno contaminado e, logo, sen lavar as mans, toca ollos, nariz e boca, pode contaxiarse.
Cales son as medidas preventivas que debemos tomar para non contraelo?
Agora mesmo a poboación ten que saber que se non tivo viaxes a zonas de risco nin contacto con casos confirmados, o que ten que facer é levar unha hixiene respiratoria básica, evitar tusir ao veciño, empregar panos e utilizar o codo para evitar que os esbirros contaminen o entorno, e facer un lavado frecuente de mans con auga e xabón. Con isto é suficiente.
Unha persoa que estivera en zona de risco tamén ten que facer vida normal, pero no momento no que inicie síntomas debe quedar na casa e chamar ao 061 para iniciar todo o proceso diagnóstico co menor risco posible para o paciente e para o seu entorno.
Ten sentido o uso de máscaras?
Non ten utilidade ningunha o uso de máscaras preventivas nesta situación. A única utilidade fóra dun entorno sanitario ten que ver con evitar a propagación de xermes en pacientes que xa están enfermos para minimizar o risco de contaxio ao resto da poboación. Mais non serve de nada que unha persoa sana poña unha máscara ás oito da mañá e bote con ela oito horas.
Se se contrae, cal é o tratamento?
Estanse probando tratamentos específicos, pero agora mesmo aplícase un tratamento de soporte, sintomático. Estamos aprendendo cada día, só levamos dous meses con este virus circulando. O cadro para unha persoa que non teña factores de risco é moi similar ao da gripe, pero se o relacionamos con enfermidades crónicas ou idades avanzadas, o tratamento quizais debe ser mantido durante máis tempo.
A taxa de mortaldade segue similar á da gripe convencional?
É similar, en torno a un dous ou un tres por cento. Fóra de China a mortalidade é menor, porque o esforzo que se fai por diagnosticar os casos rápido fai que nos atopemos pacientes leves, moi iniciais.
Débese evitar viaxar?
Hai unhas recomendacións que deu o Ministerio de Sanidade que fan referencia, sobre todo, ás zonas de especial risco. Non está contraindicado viaxar, pero se se poden pospoñer, idealmente é mellor que se faga. Calquera cadro respiratorio á volta deses viaxes debe ser tratado como sospeita, e iso provoca un impacto no paciente e na poboación. Pero non hai en ningún caso peche de fronteiras nin prohibición de viaxar.
Está xustificada a alarma social que se xerou en torno ao Coronavirus?
Entendo que a poboación, e isto implica moito aos medios de comunicación pola xestión que se fai da información, poida sentir unha sensación falsa de perigosidade e alarma. Temos que diferenciar entre alerta e alarma. Nós estamos en alerta, estamos intentando maximizar todas as medidas de vixilancia porque non queremos que este virus se incorpore a nós. Pero se a poboación desperta cada mañá cun reconto de mortos e de novos casos, loxicamente esa sensación de alerta pasa a ser de alarma, cando é precisamente iso o que non queremos. Debe haber alerta, pero só por parte dos servizos sanitarios, que están preparados para diagnosticar un caso e tratalo da forma adecuada.
A onde pode acudir unha persoa se precisa máis información?
Hai un teléfono habilitado --902 400 116-- que ofrece toda a información sobre o Coronavirus. Aí é a onde temos que acudir.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.