Por Xesús Veiga | Compostela | 01/03/2020
Villares asumiu o risco de ser obxecto da inevitábel belixerancia por parte da dereita xudicial, ademais da lóxica controversia suscitada polos seus adversarios no ámbito parlamentario. Xa que logo, semellante decisión de abandonar a súa carreira profesional non contemplaba un retorno a curto prazo aos despachos do Tribunal Superior. Moito mais cando, na súa primeira cita coas urnas no outono de 2016, acadou a condición de líder da oposición a Feijóo. Tal situación permitía pensar, con fundamento, nun horizonte temporal mais prolongado do que finalmente tivo lugar.
A segunda dimensión que convén sinalar é a relativa ás propias características de En Marea, a formación que encabezaba o ex-maxistrado por mor dun consenso previo entre os diversos sectores que converxían nesa plataforma. Naqueles meses de 2016, Luís Villares tiña un reto de envergadura: ser quen de contribuír á consolidación dunha organización política atípica, conformada por diversas persoas e colectivos organizados que posuían unha contrastada heteroxeneidade, tanto pola súa procedencia (Podemos, EU, Anova, mareas municipalistas...) como polas distintas referencias identitarias (esquerda federal, esquerda de orientación nacionalista, propostas rexeneracionistas dende o ámbito municipal...). O desenvolvemento de En Marea requiría, como condición necesaria, a vontade unitaria das partes integrantes do proxecto para que non ficara arruinado por unha dinámica de división autodestrutiva. Pasados os anos, a conclusión é indiscutíbel: En Marea fracasou no seu intento fundacional e Villares asumiu, mediante a súa dimisión, as responsabilidades derivadas de tal circunstancia.
O sucedido nos últimos meses no seo da chamada esquerda rupturista lembra o que tiña vivido o BNG no comezo da presente década. Nos anos 90 do pasado século e nos primeiros do actual, a fronte nacionalista obtivo os seus mellores resultados electorais grazas a unha acertada simbiose entre unidade e diversidade internas. Aqueles bos tempos foron personificados por dous lideres -Xosé Manuel Beiras e Anxo Quintana- de acreditada proxección social. Os cambios operados no Bloque a partir do ano 2012 provocaron -en distintos momentos e baixo diferentes modalidades- o progresivo esmorecemento do papel de Beiras e Quintana na política galega.
Luís Villares suma o seu nome a esa nómina de dirixentes políticos que apostaron por unha mudanza substantiva da orde vixente neste País e pagaron, en primeira persoa, os erros e limitacións exhibidas polos grupos dos que formaron parte.