Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/03/2020 | Actualizada ás 09:24
A Asociación Federalista de Galicia preséntase publicamente este mércores 4 de marzo nos locais da Fundación Abanca. Durante o acto intervirán o catedrático de Ciencia Política e presidente da Asociación, Ramón Máiz, o presidente de Federalistas d´Esquerres Joan Botella, profesora de Estudos Europeos da USC, Cristina Ares e o presidente de Madrid Federal, Jesús Ruíz Huerta. O acto será presentado pola xornalista Irene Lamas.
Entre os obxectivos da Asociación Federalista de Galicia está impulsar a cultura e a conciencia federal. Xunto a isto, propiciar a reforma da Constitución española para darlle unha visión federal e contribuír á construción “dunha Europa federal, democrática, xusta e solidaria”. Para isto, a entidade pretende fomentar e aumentar o coñecemento das ideas federalistas mediante debates, conferencias, reunións e encontros entre diferentes actores políticos e sociais.
Así mesmo, busca elaborar e editar documentos, publicacións e artigos relacionados co federalismo, establecendo contactos e alianzas con outros grupos do Estado e de Europa. Os promotores da AFG buscan difundir os valores estruturais do federalismo para permitir a existencia dunha comunidade política “presidida pola unidade na diversidade electoral, cultural, institucional e nacional”.
A AFG entende que o federalismo é unha visión política nacida para resolver problemas da cidadanía, ademais de ser un esixente ideal normativo da democracia, todo isto baseado “no pacto, na negociación, no goberno mediante acordos revisables e potestades compartidas”. Para isto sinalan que o federalismo postula como un dos seus eixos básicos e irrenunciables a igualdade e solidariedade interterritoriais. Defende tamén o pluralismo cultural e lingüístico ao fío dos procesos abertos de creación e intercambios culturais, tanto no conxunto da Federación como no interior de cada unha das entidades federadas.
A Asociación Federalista de Galicia está presidida por Ramón Máiz Suárez e por unha xunta directiva integrada por Francisco Caamaño Domínguez, catedrático de Dereito Constitucional da Universidade da Coruña, como vicepresidente; Francísco Candela Castrillo, como secretario; Cristina Ares Castro-Conde, como tesoureira e Xosé Ramón Pousa como vogal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.