Abel Losada ve necesario desvincular "inmigrantes que veñen traballar" dos que participan en tramas ilegais

O subdelegado do Goberno en Pontevedra fixo estas manifestacións tras coñecerse este mércores a detención de tres cidadáns alxerinos residentes en Lalín por supostamente achegar documentación falsa en procesos de solicitude de permisos de residencias para estranxeiros

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/02/2025 | Actualizada ás 17:29

Comparte esta noticia

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, desvinculou as persoas "que veñen a España a traballar e a integrarse na comunidade" daquelas que "participan de tramas organizadas" e que, ademais, "utilizan o empadroamento (...) como un coladero administrativo para asentarse en Europa".

Así o sinalou nun audio difundido aos medios de comunicación tras coñecerse este mércores a detención de tres cidadáns alxerinos residentes en Lalín por supostamente achegar documentación falsa en procesos de solicitude de permisos de residencias para estranxeiros.

Despois de felicitar ao servizo de Estranxeiría da Subdelegación e á Unidade contra Redes de Inmigración e Falsidades Documentais de Vigo pola operación, explicou que a investigación comezou ao detectarse, nunha xunta local de seguridade levada a cabo en setembro, un empadroamento "anormalmente alto" de cidadáns alxerinos en Lalín.

En concreto, unhas 284 persoas, o 65% do total desta nacionalidade na provincia, o cal levou a revisar a documentación achegada polos mesmos e os domicilios utilizados para o seu empadroamento, tras un artigo de prensa denunciando que poderían ser ficticios.

Por iso, comprobouse que varios expedientes estaban baseados en documentación falsa, "todos eles de cidadáns alxerinos", sen pasar o tempo mínimo de dous anos de estancia acreditada en España, falsificando estar noutros puntos do país.

Losada indicou que a investigación continúa e que se están revisando "con lupa" estas solicitudes, facendo un chamamento ao Concello de Lalín para que atenda os requirimentos formulados na xunta de seguridade de setembro, no relativo ao control e á depuración do padrón municipal.

Abel Losada, subdelegado do Goberno na provincia de Pontevedra
Abel Losada, subdelegado do Goberno na provincia de Pontevedra | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta