Oh Canadá!... “En todas partes cocen fabas”. Discriminación, segregación e violencia contra s mulleres

Diego Rojo Garrido, deportista e profesor de Educación Física nun dos institutos de Ames, o IES de Ames, relata nesta serie de reportaxes as súas vivencias como participante do programa PIALE en Canadá.

Por Galicia Confidencial | Otawa, Canadá | 05/03/2020 | Actualizada ás 11:45

Comparte esta noticia

Canadá é un país de contrastes. Os chans e montañas interminables están tinxidos de verdes e ocres, misturados co azul de ríos e lagos, inabarcables coa ollada Cando chega o inverno todo queda cuberto dunha lámina fría e espesa de neve e xeo. A miña sensación foi similar ao longo dos días que pasei alí e a medida que fun coñecendo un pouco a historia canadiense. O feito de que un país de 37 millóns de habitantes conte con 8  millóns de inmigrantes acollidos enténdese doadamente ao coñecer o carácter do canadiense medio, cálido, aberto e acolledor. Sen embargo non todo alí é ou foi amigable e cálido, e a súa historia garda feitos lamentables, como a meirande parte dos paises occidentais.

Diego Rojo ante un totem indio. National History Museum, Ottawa
Diego Rojo ante un totem indio. National History Museum, Ottawa

Nos primeiros dias do programa PIALE (Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Extranxeiras) recibimos formación básica sobre o sistema educativo e sobre a sociedade de man de Kari Hanes. De nai inuit, falounos do programa de aculturación que durante anos desenvolviu o goberno desde mediados do século XIX até . . . ¡¡1996!! . . . Milleiros de nativos indios, inuit e mestizos foron obrigados por lei a ingresar internos  nas denominadas “Residential Schools”, desde moi tenra idade, nun intento de erradicar a súa cultura e idioma.

O sistema educativo nestes centros era dunha castración cultural inusitada, e tamén física, xa que se constataron prácticas de pederastia, esterilización ou castigos físicos. Mais de 150.000 foron víctimas destes abusos, e mais de 6000 nenos e nenas morreron no seo destas institucións. Entre 2008 e 2015 estableciuse unha comisión pola verdade e a reconciliación. Despois dun longo proceso de investigación, concluiuse que se tiña levado a cabo un xenocidio de estado contra os indixenas canadienses, aplicáronse medidas compensatorias, pero o debate e as feridas ainda seguen e seguirán abertas durante moito tempo, a pesares da disculpa pública presentada polo Estado.

A miña anfitriona, Ethel, unha inmigrante caribeña da illa de Grenada, chegada a principios dos 70, representa ben o espírito dun país que ten por bandeira a multiculturalidade de carácter afable e hospitalario. Nas longas conversas que mantivemos saboreando unha taza de té, ao longo das catro semanas que pasei na súa casa, e despois de falar do divino e do humano, tiven ocasión de preguntarlle a súa opinión sobre a existencia ou non de discriminación social ou racial na sociedade canadiense. Ela é ben coñecedora deste tema, non solo por ser de raza negra, senón porque  desempeñou labouras de traballadora social, declarou percibir discriminación en certos sectores da poboación cara a poboación negra, india, inuit e mestiza

Un informe da Real Policía Montada, corroborado pola ONU, amosa unha violencia desproporcionada cara as mulleres indíxenas ou mestizas no periodo 1980-2012, con mais de mil asasinatos, moitos deles sen investigarse. A propia policía canadiense, considerada internacionalmente como modélica, enfrentouse a graves acusacións de racismo, discriminación, sexismo, violacións de dereitos humanos e deixación de obrigas. Un informe da OHBC, a Comisión de dereitos Humanos da provincia de Ontario asegurou que unha persoa negra ten 20 veces mais posibilidades de morrer tiroteada pola policía de Toronto que unha branca pese a que supón menos do 9% do total da poboación, ademais de sinalar detencións e interrogatorios  sistemáticos e arbitrarios. Dous dias despois da publicación deste informe, a organización civil que vixia as accións das forzas de policía de Ontario (OIPRD) emitiu outro estudo igual de crítico sobre a situación na cidade de Thunder Bay, a decimoquinta en tamaño da provincia, e aseverou que "existe un racismo sistemático na Policía de Thunder Bay a nivel institucional" contra os indíxenas que viven na cidade. Ademais de todo o anterior, en 2017 a ONU concluiu que a poboación negra en Canadá sufre unha constante e permanente discriminación racial por parte das forzas de seguridade. 

Atuendo inuit de pel de foca.National History Museum, Ottawa
Atuendo inuit de pel de foca.National History Museum, Ottawa

Cando escribo este artigo varios conflictos seguen en pé, cun amplo historial de detencións de manifestantes e desmantelamento de campamentos por parte da Real Policía Montada. O premier  Justin Trudeau ofrece unha imaxe conciliadora e de respeto ás comunidades indíxenas, pero parte dela queda en papel mollado  cando se trata de favorecer a grandes multinacionais xustificándoos en base ao interese social e económico.  A finais de agosto de 2019, un Tribunal Federal de Apelacións de Canadá anulou por unanimidade a aprobación para ampliar o oleoducto Trans Mountain, que cruzaría o pais cara ao oeste, por considerar que o goberno de Trudeau non avaliou correctamente os efectos medioambientais e non consultou o proxecto coas comunidades indíxenas. Esto mantense na liña do seu predecesor, Stephen Harper, quen deu via libre á construcción dunha presa no val do río Peace, na Columbia Británica, e que poñerá en perigo a supervivencia dos indíxenas desa zona. Trudeau autorizou en 2016 discretamente os trámites do proxecto, que a día de hoxe continúa, a pesares de que Amnistía Internacional ese mesmo ano publicase un informe que amosa que “os funcionarios do goberno canadiense recoñeceron abertamente que o proceso de toma de decisións que conduce á aprobación da construcción nunca considerou se a construcción da presa era compatible coas súas obrigas legais cara os pobos indíxenas”, e de que, a maiores, en 2019, o comité da ONU para a Eliminación da Discriminación advertiu ao Goberno de Canadá de que a edificación da presa é unha violación do dereito ao consentimento libre e informado da poboación local.

Vestido de gala indio. National History Museum, Ottawa
Vestido de gala indio. National History Museum, Ottawa
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta