Estudantes en Italia... Estas son a súas historias tras o peche do país

Varias institucións contactan os alumnos Erasmus en Italia para trasladarlles unha mensaxe de "calma".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2020 | Actualizada ás 19:18

Comparte esta noticia

Varios estudantes galegos sortearon a cancelación de voos desde Italia a través de escalas de máis de 12 horas noutros países, todo para regresar aos seus fogares en Galicia ata que se reabran as fronteiras italianas e se suspendan as medidas restritivas.

Este é o caso de Antón Senra e Samuel Lozano, dous estudantes galegos de Enxeñaría Mecánica da Universidade da Coruña (UDC) que se atopaban realizando un programa Erasmus en Bari, ao sur de Italia.

Este mércores o Goberno italiano pechou as fronteiras do seu país, mentres que o Executivo de Pedro Sánchez cancelou todos os voos directos de pasaxeiros entre España e Italia. Por este motivo, tanto Antón como Samuel abandonaron o país o martes a través dun voo que fixo escala en Dublín durante máis de 12 horas e que lles permitiu aterrar en Santander este mércores.

Antón Senra explicou en declaracións a Europa Press que ambos os estudantes tiveron que "asinar un documento" no que acreditaban o abandono do país baixo a súa "exclusiva responsabilidade". Despois deste procedemento, aseguran que non pasaron por ningún outro control nin medida de seguridade extraordinaria polo COVID-19, nin no aeroporto de Dublín nin no de Santander.

Os dous estaban a pasar o seu Erasmus con "normalidade", pero decidiron volver cando o Goberno do Estado anunciou que cancelaría os voos directos con Italia. Ademais, teñen pensado comunicar á Administración autonómica o seu regreso en canto cheguen a casa, a través do número que a Consellería de Sanidade puxo a disposición dos galegos para atender calquera circunstancia relacionada co coronavirus (900 400 116).

No entanto, botaron en falta un "protocolo" que lles indicase como actuar e cren que o Sergas debería preocuparse neste sentido. Pola contra, destacaron o "interese" que mostrou "a Oficina de Relacións Internaciones da universidade polo seu estado en todo momento".

ALGUNHAS ESTUDANTES PERMANECEN EN ITALIA

Na mesma liña pronunciouse Mar López unha estudante de Enxeñaría Industrial da UDC, que asegura que a súa universidade está "pendente" dos estudantes Erasmus constantemente.

Ela é unha das que, ao contrario que os anteriores, decidiu quedar en Turín (onde realiza o seu programa de mobilidade). Alí as medidas restritivas foron implantadas antes que no Sur do país, pero non foi ata o luns cando as universidades comezaron a impartir clases virtuais e recomendáronlles "saír de casa só para o imprescindible".

Esta estudante asegura que está "ben" e "tranquila". Admitiu que pensou en "volver a Galicia", pero pronto o descartou dado que "sentía que ía ter que vivir o mesmas dúas veces", "o que está a pasar en España, pasaba facía unha semana en Italia".

Por este motivo, Mar decidiu seguir as clases e as recomendacións do Goberno italiano desde a súa residencia e non tentou irse a casa. Asegura que é unha circunstancia que "se vai levando", sae de casa para "o básico" como "ir ao supermercado", pero considera que é posible "realizar unha vida medianamente normal".

ALUMNAS QUE NON PUIDERON VOLVER

Por outra banda, tamén hai estudantes galegas que tentaron marchar de Italia pero resultoulles "imposible". Helena Piñeiro e Laura Vázquez son dúas mozas viguesas que estudan na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e que quedaron "atrapadas" en Florencia, onde Helena realiza o seu Erasmus.

Cartón de embarque dun voo Bari - Dublín. CAPTURA DE PANTALLA CEDIDA
Cartón de embarque dun voo Bari - Dublín. CAPTURA DE PANTALLA CEDIDA | Fonte: Europa Press

Foi este luns cando as dúas decidiron volver a Galicia. Reservaron un voo desde Florencia a Madrid, pero foi cancelado. Despois compraron un billete de bus para ir desde Florencia a Barcelona, pero tamén foi suspendido.

Ante este escenario, puxéronse en contacto co Concello de Vigo a través da páxina web do Goberno local. Laura escribiu unha mensaxe para explicar a situación de illamento que estaban a vivir e o seu interese por volver a Galicia --"aínda que fose en corentena"--, xa que ela só estaba a visitar á súa amiga e agora trastornalle os plans.

A pesar de que non esperaban unha resposta, este mércores o concelleiro de Educación e Mocidade, Gorka Gómez, púxose en contacto con elas para tentar tranquilizalas, dicirlles que "manteñan a calma" e ofrecerlles toda a "colaboración" que estea en mans do Concello.

ESTUDANTES QUE SE ANTICIPARON

Tamén hai outras persoas que se anticiparon aos acontecementos e ao coñecer a decisión de cancelar as clases nas universidades italianas decidiron volver a Galicia. Este é o caso de Mar Álvarez, estudante de xornalismo na USC, que estaba de Erasmus en Bolonia.

Ela explicou que xa tiña a idea de "vir de visita", pero ante a suspensión das clases decidiu adiantar o voo e está en Santiago desde o 25 de febreiro. Asegura que non está "preocupada" polo virus, pero volveu "por medo a que bloqueasen a cidade", como posteriormente sucedeu.

"Como agora Italia é un punto vermello", ela prefire "estar en casa". Desde o seu punto de vista, a USC "non deu as indicacións" que os estudantes "necesitan" e asegura que cando volveu non pasou "por ningún control específico", como tampouco o fixeron os dous estudantes que proviñan de Bari.

RESTRICIÓNS ATA O 3 DE ABRIL

De momento esta alumna recibe clases virtuais --como o resto de Erasmus en Italia-- e non sabe cando vai poder volver. Será o Goberno italiano o que siga tomando decisións a este respecto en función da evolución do contaxio do virus.

Mar López asegura que na cidade de Turín "as cafetarías e os restaurantes" están abertos ata as 18,00 horas e debe tomarse, como precaución, unha distancia dun metro e medio.

O mesmo sucede nos supermercados do sur e do norte do país. Helena explicou que entran "por quendas" para que sexa posible manter esas distancias, tanto na cola como por todo o establecemento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta