Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 17/03/2020 | Actualizada ás 21:00
Algunhas series de TV tiveron un grande impacto desde finais da primeira década dos 2000 ata entrada a segunda. Hai títulos que non caerán no esquecemento aínda que pasen uns anos, por iso é bo revisitalos de cando en vez para lembrar tanto como foron evolucionando o tratamento das tramas, se hai máis ou menos ideas orixinais e sobre todo, pasar un tempo entretido.
Aquí van unhas recomendacións que seguramente non recollen todo o espectro de gustos, mais poden ser tomadas como un primeiro paso para buscar outras series.
-Battlestar Galactica (Reimaginated) (2003-2009)
A serie comezou cun episodio piloto dividido en dúas partes en 2003. A partir de 2004 comezaron a emitirse as cinco tempadas, os dous filmes, Razor e The Plan así como dúas mini webseries. Está baseada na serie do mesmo nome estreada en 1978, mais as tramas son moi diferentes, por iso foi denominada reimaginated (reimaxinada).
Unha civilización humana vive pacificamente en doce planetas logo da última guerra hai corenta anos. Daquela, os robots ou cilons que deseñaran os humanos para seren os seus criados, traballadores etc., cobraron conciencia propia e subleváronse contra os seus amos. Pasadas as catro décadas de paz un inesperado ataque dos cilons extingue toda a civilización humana dos doce planetas. Só sobreviven unhas poucas decenas de miles que navegarán en naves espaciais polo universo ata chegar a un destino que chaman Terra.
Choca ver a Edward James Olmos de novo como protagonista dunha serie de TV, logo do seu paso polo que fora o seu maior éxito ata daquela, o tenente Castillo en Miami Vice. Recomendada para esta corentena para sobrevivir en espazos pechados.
-The Sopranos (1999-2007)
Pois si, o máis grande éxito da TV por cable. HBO tivo un éxito inesperado con esta serie que repetiría uns anos despois con Game of Thrones.
Un mafioso, Tony Soprano, decide recorrer á axuda dunha psiquiatra porque sofre unha serie de ataques ou desvanecementos que lle fan pensar sobre o estado da súa saúde mental. Facendo isto pon en risco a súa vida, pois a lei do silencia (omertá) tamén afecta ao que se lle poda dicir a un psiquiatra. Doutra parte, a vida en familia con dous fillos adolescentes, unha nai que cada vez é máis dependente e que acaba sendo unha das peores inimigas de Soprano xunto co tío del, Junior, poñen en alerta a este mafioso que tamén ten que defender o seu territorio doutros mafiosos rivais.
Recomendable de principio a fin. Hai escenas que son hilarantes, como ver aos italoamericanos poñer cara de noxo fronte a comida italiana tradicional na terra dos seus antepasados (“peixe, bótanlle peixe á pasta!” “onde vai a salsa de tomate?”).
-The Wire (2002-2008)
Á parte de críticas que a colocan como outro referente dentro das series de TV, este produto ten inspirado traballos académicos, estudos sociolóxicos, teses doutorais e un abano case inabarcable de artigos e críticas.
Escrita polo ex-xornalista David Simon, centra a súa acción nunha comisaría da cidade de Baltimore, unha das máis pobres e castigadas pola epidemia de crack e drogas dos anos 80 e 90, ademais da reconversión industrial que de maneira inmisericorde, deixou sen emprego a miles e miles de familias tanto da cidade como da contorna.
As loitas contra o tráfico de drogas e de persoas e contra a corrupción centran parte da trama desta serie de 60 capítulos. Non obstante, tamén se pode ver como a sociedade dos EE UU foi decaendo durante as tres últimas décadas deixando paso a unha sociedade cada vez máis desestruturada, sobre todo en barrios pobres. Isto último parece non importarlle moito á clase política e dirixente da cidade que só pensa en manter os seus postos de influencia veña o que veña.
-The Americans (2013-2018)
Unha visión da primeira metade dos anos 80 durante a Guerra Fría desde a perspectiva dunha parella de espías soviéticos infiltrados en EE UU. Inspirada en relatos de axentes do FBI e no chamado Informe Mitrojin, Elízabeth e Philip Jennings son realmente dous cidadáns soviéticos que realizan tarefas de espionaxe en terreo norteamericano.
Estamos na época en que Ronald Reagan goberna os Estados Unidos e comeza a aplicar a súa política neoliberal xunto a unha acelerada carreira armamentística. Desta maneira, a parella infiltrada terá que responder aos pedidos dos seus superiores para que a URSS non sexa sobrepasada polos seus rivais americanos.
A banda sonora traerá moitos recordos aos que viviron a adolescencia e mocidade naqueles anos. Por outra parte, tamén rememorar tempos en que non había teléfonos móbiles e Internet era un privilexio só para un grupo moi reducido, revivirá algún que outro recordo daquela época.
Estas son unhas recomendacións sobre series de TV que se poden revisitar estes días. Seguramente a algún ou algunha non lle pesará velas de novo e posiblemente, haxa alguén que as vexa por primeira vez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.