Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/03/2020 | Actualizada ás 10:30
A lectura é boa, tanto que os neurólogos apuntan que axuda máis a desenvolver e fortalecer as conexións neuronais que as novas tecnoloxías. Así que, nestes días de reclusión podemos comezar a facer exercicións de workout neuronal para recuperarnos. Por iso, velaquí uns títulos e uns autores que ao mellor despertan o voso interese para cubrir as horas destes días sen sentir o agobio de estarmos pechados.
-Gran Tiburón Branco, de Samuel Solleiro, Editorial Xerais
Un título ben curioso ademais de ser un libro estraño. Cinco historias diferentes compoñen as páxinas de Gran Tiburón Branco. Cada historia é un momento especial na vida do ou da protagonista. Sen chegar á esaxeración, Samuel Solleiro desenvolve os fantasmas que levan ao engano sexual, á violencia cotiá dun matadoiro para ir logo a unha viaxe por México que conduce a un distímico capaz de todo e acabar coa súa case alma xemelga nun lugar incerto. A narración é áxil, moi rápida e que non para moito en artificios. Sen dúbida, un libro para desconectar brevemente da actual desconexión.
-True Detective, VV AA. Errata Naturae
Non, non, se esperades que sexa a versión en papel da serie que comezou aló polo 2014 estades nun erro. Esta é unha caste de viaxe sobre as diferentes ideas que subxacen no desenvolvemento da trama dunha das producións televisivas máis aclamadas durante o seu momento. Os autores van ligando algunhas escenas da serie cos posibles fondos literarios que as inspiraron. Así, podemos ler breves textos de Roberto Bolaño, Lovecraft ou Nietzsche, todo como unha guía interpretativa de momentos que, seguramente, non soubemos interpretar quen vimos a primeira tempada.
-Crónicas Marcianas, Ray Bradbury, Xerais
Traducción ao galego da serie de contos que o norteamericano Bradbury foi xuntando baixo a premisa dunha hipotética colonización de Marte entre finais do século XX e comezos do XXI. Considerado como un dos libros esenciais da ciencia-ficción, déixanos ver como a voracidade, a ambición e o descontrol poden acabar con civilizacións enteiras, mesmo cando están en proceso de expansión máis alá do seu planeta. Recomendada para quen queira iniciarse neste xénero. Case que de obrigada lectura.
-O Xogo de Ender, Orson Scott Card, Editorial Urco
As persoas amantes dos vídeoxogos e das aventuras de ciencia-ficción teñen neste libro unha das súas obras referenciais. Escrita a finais da década de 1970, o autor entraba na teoría, xa daquela en exploración, de que os e as soldados do futuro poderían ser adestrados grazas aos vídeoxogos, reproducindo espazos virtuais con avatares iguais aos seus inimigos. Iso fai Ender, o protagonista, adestrarse coa realidade virtual para facer fronte aos abázcaros nunha última batalla que pode supor a extinción ou a continuidade da especie humana.
-Miedo y asco en Las Vegas, Hunter S. Thompson, Anagrama
Aínda que o filme de Terry Gillian co mesmo título xa queda lonxe, as referencias a Hunter S. Thompson e o seu invento, o xornalismo “gonzo”, sempre son garantía para pasar uns momentos divertidos. Realmente é unha historia que mestura a ficción, baixo as drogas ou non, a realidade tamén baixo efectos psicotrópicos ou non e a crónica reflexiva en condicións semellantes. Realmente é unha viaxe por uns EE UU decadentes poboados por seres tan decadentes como o lugar que habitan. Unha visión tan nihilista e absurda que mesmo pon en dúbida a existencia de varios dos seus personaxes, mesmo do protagonista.
-Reacciones psicóticas y mierda de carburador, Lester Bangs, Libros del Kultrum
Lester Bangs está considerado como o crítico musical de referencia para quen queira facer xornalismo musical. Este libro é a reunión dunha serie de artigos, críticas e apreciacións persoais sobre os grupos daquela época (anos sesenta e setenta), a política do momento e o comportamento dos “mantedores da lei”. Obviamente, é unha lectura que vén chea de caos, drogas e unha longa, longuísima lista de temas, discos, libros e unha das máis delirantes entrevistas a Lou Reed. Tamén mostra como era o “backstage” daqueles músicos, agora mitos ou camiño de selo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.