Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/04/2020 | Actualizada ás 21:50
A Xunta está disposta a manter o vindeiro xuño a convocatoria de máis de 3.600 prazas de oposición en educación, seguindo o calendario previsto. É o único goberno autonómico que mantería unhas probas que, nas actuais circunstancias pola pandemia do Covid-19, poderían supor un perigo de saúde pública.
“A nosa vontade é manter esa convocatoria por respecto ás miles de persoas opositoras que nestes momentos están a realizar o esforzo para prepararse", suliñaba a Consellería de Educación hai uns días a través dun comunicado. “Nunha situación tan complexa como a actual, o noso obxectivo é manter o proceso, xa que aínda se está en prazo para poder levalo a cabo", indicaba.
En todo caso, a Xunta precisaba que está pendente da evolución da corentena e "se non se puidesen desenvolver con normalidade e garantías para a saúde de todas e todos os participantes, procederiamos a revisar os prazos".
FORTES CRÍTICAS
A reacción dos opositores non se fixo agardar. Milleiros deles denuncian a través das redes sociais a posibilidade de ter que realizar as probas e pídenlle á Xunta que que anuncie de inmediato un aprazamento desta proba, como xa fixeron o resto de comunidades autónomas. Mesmo, hai colectivos que pide que se suspendan as oposicións e se celebren o próximo ano nas mesmas datas.
Por iso se activaron en redes sociais como Facebook, Tuiter, youtube ou mesmo Instagram e baixo o cancelo #OPOñomeaestaOPO piden a mobilización para evitar a celebración destas probas. Así activaron unha recollida de sinaturas e mesmo unha enquisa telemática, que realizou FeSP-UGT e na que participaron máis de 7.000 persoas entre interinos e substitutos, opositores e funcionarios de carreira. O resultado non deixa lugar a dúbidas, 92,7% está en contra e só un 7,3% a favor.
OPOSICIÓN E SINDICATOS
Opositores consultados tamén critican o papel da oposición e dos sindicatos por non ser máis contundentes no rexeitamento a estas probas. De feito, a día de hoxe, ningunha formación amosou a súa oposición á realización destas oposicións.
“Somos a única comunidade onde o goberno segue empeñado en facer as oposicións si ou si, aínda a día de hoxe”, critica Ángel a Galicia Confidencial, que tamén denuncia a posición ambivalente dos sindicatos. “Por outro lado os sindicatos maioritarios, tamén carrexan o discurso ambiguo non posicionandose o que motivou un enfado xeneralizado”, engade. FeSP-UGT amosaron a este medio o seu rexeitamento a esta medida da Xunta, mesmo mobilizando a través das redes. Un comentario remitido ao FB deste medio cunha nota de CIG-Ensino apuntaba que este sindicato tamén aposta polo aprazamento das probas.
Tamén Luis salienta o perigo que suporía esta proba. “O que chama a atención é que dende a oposición practicamente non se escoitou a súa postura ante unha situación que no mes de xuño mobilizaría a máis de 5.000 persoas, mesmo coa chegada de opositores dende outras comunidades do Estado”, engade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.