Por xabier (http://www.vila-coia.com) | GC ABERTO | 13/04/2020
Esta máxima escoiteilla a miúdo á defunta da miña avoa paterna. De neno non entendía o que quería expresar con ela. Tiveron que ir pasando os anos, os acontecementos e as vivencias, individuais e colectivas, para decatarme do profundo coñecemento que encerra.
Na década de 1960 o servizo público de recollida do lixo en Vigo era moi deficiente. Na parroquia de Coia os veciños do barrio do Castro Castriño botábano nunha ampla e profunda depresión que había nun campo, perto da nosa casa, á que chamabamos “A fochanga”. Alí ían parar, sobre todo, os residuos non orgánicos: zapatos vellos, rodas inservíbeis, cartóns usados, botellas de plástico...
Os rapaces reciclabamos algúns destes materiais para facer «tirabolas»: a lingüeta dos zapatos aproveitabámola para o coiro onde se poñen as pedras, as gomas sacabámolas dos pneumáticos das bicicletas, e a galla das árbores e arbustos que había nas inmediacións.
Pasabamos bastante tempo naquela fochanga remexendo, buscando cousas que, coma cativos que eramos, nos chamaran a atención ou nos puideran ser útiles dalgún xeito: parafusos, arames, rodamentos, caixas de mistos baleiras...
Cando destruíron o medio físico, social e cultural da parroquia e construíron o «Polígono Residencial de Coya», cambiaron moitas cousas, entre elas os xogos. Nos terreos dos edificios en construción formábanse lagoas coa auga da chuvia, daquela ben abundante. Nelas botabamos horas «pescando» ras. E outras cousas... Un amigo meu, de maior nivel socioeconómico, colleu as febres tifoides, que case o levan para o outro mundo. En cambio eu, tendo feito o mesmo que el pois eramos coma irmáns e andabamos xuntiños a meirande parte do día, libreime daquelas temperaturas infernais que metían medo só con escoitalas. Seguramente porque de tanto andar a fozar no esterco que había na fochanga, o meu sistema inmunitario estaba acostumado a enfrontarse cunha gran variedade de microbios.
Unha década despois, na materia «Saúde Pública» da Diplomatura Universitaria en Enfermería, aprendín que xa no século XVIII o médico inglés Edward Jenner deducira que as leiteiras do seu pobo non padecían a varíola porque ao muxir tiñan contacto continuo co virus que provoca esta doenza nas vacas. Desta observación xurdiu a vacina da varíola humana e con ela todas as vacinas posteriores. Grazas a este fito da ciencia médica, pódese afirmar que Jenner salvou máis vidas que mortos provocaron, todos xuntos, Alexandre Magno, César, Atila, Genghis Khan, Carlos V, Napoleón, Hitler, Stalin e moitísimos outros emperadores e xenerais ao longo da historia.
Centrémonos agora na pandemia da Covid-19 que asola o mundo nestes intres:
Nada se sabe de cal é a «dose» de virus que contaxia a enfermidade; ninguén a terá lido nin escoitado. O que si sabemos é que calquera doenza infecciosa precisa unha carga mínima de microorganismos para que se transmita. Se ben dita carga é diferente segundo a «experiencia» e as características xenéticas do sistema inmunitario da persoa afectada.
Porén, aconséllase non ter ningunha exposición ao SARS-CoV-2; algo imposíbel, pois chegou para morar entre nós, e tamén non desexábel. Estase volvendo tolos aos cidadáns con datos contraditorios sobre a supervivencia do virus en diferentes ambientes e superficies, coa necesidade de desinfectar os alimentos, coa posibilidade de que as mascotas o transporten nas patas ou incluso actúen como reservorios...
Con todo, a verdade é que o risco de contaxiarse (coma calquera outro risco que comporta a existencia) non se pode evitar de xeito absoluto. Tratar de conseguilo implica caír na loucura; lévanos a adoptar unha forma de vida que non é posíbel soportar durante demasiado tempo. Por iso é máis intelixente e adaptativo asumir que un certo contacto con doses mínimas (non patoxénicas por si mesmas, aínda que na súa determinación é onde reside a dificultade) do SARS-CoV-2 é beneficioso para protexernos contra el. Por dous motivos principais: 1) Porque a carga viral para padecer a doenza terá que ser máis elevada, e 2) Porque no caso de adquirir a enfermidade o sistema inmune estará máis preparado para vencela e, ademais, será menos grave.
Agora xa o saben: «A merda tamén é boa».
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.