Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/04/2020 | Actualizada ás 13:33
O sector biotecnolóxico, que está a gañar "moito peso", xogará un "papel determinante" na procura dun tratamento para o coronavirus na Comunidade galega. Así o trasladou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, ao Clúster Tecnolóxico-Empresarial nunha reunión telemática esta semana.
Na mesma explicou que este sector ten "capacidade de liderado", como así o demostran os proxectos das empresas galegas que se presentaron a unha convocatoria organizada pola Axencia Galega de Innovación (Gain) e que se sitúan na "vangarda do I+D+i". Neste sentido, Conde destacou o Grupo Zendal que, xunto coa Universidade de Zaragoza, "investiga unha posible vacina contra a COVID-19"; ou Amslab, que traballa para "desenvolver test e diagnosticar o virus".
Por outra banda, neste encontro o conselleiro tamén trasladou o "compromiso da Xunta" de manter todos os programas de impulso do sector biotecnolóxico e "avaliar" a inclusión dun apartado especial para dar solución ao coronavirus na Estratexia de consolidación do sector de 2021.
Ademais, tratará de mediar co Ministerio de Facenda para "axilizar o cobro do IVE que ten pendente de devolución", unha petición do sector, explica o comunicado da Xunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.