Un informe apunta a unha "emerxencia xeriátrica" e a non excluír os anciáns da UCI pola COVID-19

Expertos relacionan o envellecemento acelerado da poboación en España coa crise sanitaria causada polo coronavirus, advirten da especial vulnerabilidade dos maiores que viven en residencias e piden que non se apliquen criterios utilitaristas para excluír anciáns dos ingresos en UCI.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 25/04/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O coronavirus SARS-CoV-2 afecta e mata máis aos máis maiores. Unha traxedia para a que a comunidade médica e científica busca explicacións e solucións. En España, a Sección de Cardioloxía Xeriátrica da Sociedade Española de Cardioloxía e a Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxía elaboraron un documento para describir e tentar dar resposta a esta situación.

Anciá chegando á residencia de Patos (Nigrán) no traslado de maiores pola epidemia de coronavirus
Anciá chegando á residencia de Patos (Nigrán) no traslado de maiores pola epidemia de coronavirus | Fonte: © Miguel Núñez.

O que saben os expertos é que este maior impacto do coronavirus na poboación máis maior “asóciase tanto coas comorbilidades [situación de padecer dúas ou máis enfermidades ao mesmo tempo], especialmente a enfermidade cardiovascular, como coa situación de fraxilidade, que conleva unha resposta  inmunolóxica máis pobre”, apuntan os autores do documento.

A pandemia pola enfermidade causada por este coronavirus, a Covid-19, desatou unha “emerxencia sanitaria de primeiro nivel” en todo o mundo. Mais en España está a ser especialmente dramática por ser “un dos países máis envellecidos do mundo” (“en menos de 30 anos duplicouse o número de maiores de 65 anos”, apuntan). Aquí, “a Covid-19 converteuse nunha emerxencia xeriátrica”, subliñan os expertos.

"O feito de que os fármacos utilizados para combater a infección teñan efectos secundarios cardiovasculares, sumado á escaseza de recursos sobre todo en unidades de críticos, engade complexidade ao tratamento destes pacientes"

“Segundo os datos dispoñibles, probablemente cause a morte ou a discapacidade dunha porcentaxe moi importante de adultos maiores no noso país, sobre todo aqueles con enfermidade cardiovascular previa. Ademais, o feito de que os fármacos utilizados para combater a infección teñan efectos secundarios cardiovasculares, sumado á escaseza de recursos sobre todo en unidades de críticos, engade complexidade ao tratamento destes pacientes. Por tanto, é unha situación dramática e un reto sanitario, epidemiolóxico, social e político hoxe en día, no que existen cuestións éticas que dificultan aínda máis, se cabe, a abordaxe destes pacientes maiores que sofren a infección por Covid-19”, advirten os científicos.

Estes especialistas recollen datos do Instituto Nacional de Estatística que indican que os maiores de 65 anos en España representan arredor do 17 % da poboación total, con máis de 7 millóns de persoas, das que aproximadamente un 25 % son octoxenarias. E calcúlase que no ano 2050 os maiores de 65 anos serán máis do 30 % da poboación (con case 13 millóns) e os octoxenarios chegarán a ser máis de 4 millóns, máis do 30 % do total da poboación maior. De feito, indican, as proxeccións da Organización das Nacións Unidas (ONU) sitúan España como o país máis envellecido do mundo en 2050, cun 40 % de poboación maior de 60 anos.

Así pois, tendo evidencias de que a Covid-19 afecta máis aos maiores, con taxas de letalidade superiores ao resto da poboación, a situación para España non se pode cualificar doutro xeito que de dramática.

IMPACTO MAIOR NOS ANCIÁNS

Segundo os datos publicados polo Ministerio de Sanidade de España no ‘Informe Covid-19 nº 23’ do 16 de abril de 2020, a mediana de idade dos casos positivos identificados en España é de 60 anos. A maior porcentaxe de contaxiados dase no grupo de máis de 80 anos, que representa o 18,8 % dos pacientes; en segundo lugar sitúase o grupo entre 50 e 59 anos, co 18,7 %; os de 60 a 69 anos son o 16,4 %; de 70 a 79 anos o 15,6 %, e de 40 a 49 anos o 15 %.

Máis do 30 % dos pacientes ingresados por Covid-19 son maiores de 69 anos e a letalidade da enfermidade aumenta a maior idade

As porcentaxes de infectados caen de xeito notable e gradual por debaixo dos 40 anos: de 30 a 39 anos son o 9,6 % dos pacientes; de 15 a 29 anos o 5,5 %; de 5 a 14 anos o 0,3 %; e de 2 a 4 anos o 0,1 %, porcentaxe que se repite nos menores de 2 anos.

Polo tanto, máis dun terzo dos casos positivos (o 34,4 %) son maiores de 69 anos, unha porcentaxe que podería explicar, en parte, a alta letalidade que se está rexistrando en España respecto a outros países.

Con todo, os datos de porcentaxes de infectados “probablemente estean nesgados, debido ao  infradiagnóstico de pacientes leves ou asintomáticos, así como brotes non documentados en residencias de terceira idade, polo que se descoñece a distribución real por idade, aínda que dan unha idea da gravidade do impacto desta situación na poboación xeriátrica cando máis do 30 % dos pacientes ingresados con infección confirmada ten 70 ou máis anos”, apuntan os colaboradores da Sección de Cardioloxía Xeriátrica da Sociedade Española de Cardioloxía e a Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxía.

Sobre a letalidade da Covid-19, din que “os datos dispoñibles si permiten afirmar que a idade é un factor de risco de mortalidade moi importante”

Con datos do 27 de marzo de 2020, observaron que a taxa de mortalidade pasa do 0,6 % dos pacientes de 50-59 anos ao 5,7 % na franxa de 70-79, o 14,2 % entre os de 80-89 e alcanza o 18,5 % dos maiores de 90 anos.

MÁIS VULNERABLES NAS RESIDENCIAS

Entre os pacientes máis maiores rexistrados con Covid-10, os expertos consideran que os chamados “institucionalizados constitúen un grupo de extrema vulnerabilidade por diversos motivos, máxime cando en moitos casos as residencias están a ser illadas por mor dos focos de Covid-19 e un número importante das defuncións por esta infección ocorren nelas”.

Os motivos de especial vulnerabilidade á infección por Covid-19 nas residencias, segundo estes expertos, son o feito de que os residentes habitualmente teñen algunha enfermidade de base ou comorbilidades, adoitan ser de idade avanzada e presentar síndromes xeriátricas (fraxilidade, deterioración cognitiva, dependencia, etc.), teñen contacto estreito con outras persoas (os seus coidadores) e outros conviventes, adoitan pasar moito tempo en contornas pechadas e con poboación igualmente vulnerable, e poden ter síntomas atípicos e, en ocasións, dificultade para a sospeita clínica e o diagnóstico.

“Débese previr unha mentalidade utilitarista e prexuízos contrarios ás persoas maiores ou con discapacidade á hora de decidir o seu ingreso na UCI"

NON EXCLUÍLOS DAS UCI

Na abordaxe do problema, os expertos consideran fundamental ter en conta unha serie de cuestión éticas respecto a como tratamos os nosos maiores, comezando pola futura vacinación, na que deben ser un grupo prioritario.

“No caso de que se consiga unha vacina efectiva para a enfermidade, débese priorizar na vacinación aos anciáns e os pacientes con enfermidades crónicas, co obxectivo de maximizar o número de vidas salvadas, e isto é tamén certo para outras medidas preventivas como posibles profilaxes posteriores ou previas á exposición, coa única excepción dos traballadores da saúde”, advirten.

Respecto aos casos positivos, cren que “non está xustificado maximizar a idade cronolóxica na toma de decisións”. “Ademais da idade, deberase ter en conta outros aspectos que determinan a expectativa teórica de vida” do paciente. Ou dito doutro xeito: “A idade avanzada por si soa non debe ser un criterio para excluír a pacientes de unidades hospitalarias especializadas”.

En definitiva, estes expertos recordan que o Comité de Bioética de España emitiu un informe no que advirte que “se debe previr unha mentalidade utilitarista e prexuízos contrarios ás persoas maiores ou con discapacidade á hora de decidir o seu ingreso na UCI, e destaca a utilidade social de todo ser humano polo mero feito de selo”.

“As decisións deben basearse nos principios de utilidade e equidade, e en ocasións pode ser máis xusto dar preferencia aos grupos máis vulnerables. En ningún caso débese considerar a idade como un criterio para denegar ou limitar a asistencia sanitaria”, conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 TRIAGE MANCHESTER

pero imos ver temos un trafico nunha estrada nun coche vai un vello de 84 e noutro coche una muller de 25 embarazada... os dous están moi graves e soamente podemos atender a un-ha persoa... a quen imos atender... si tardan mais de 2 seg. en contestar e que son border-lines meus!

1 anonimo 2

Boa demagogia! Por que só podemos atender a uma pessoa? Por que não estávamos preparados? Graças, não há mais perguntas, e não é uma crítica, nenhum país europeu o estava e aqui estão as consequências. Mas a decisão é medica (não política), a idade é só um dos fatores, e certamente descartar a algum só pela idade semelha mais a decisão do ministro de fazenda (que quere evitar ter que pagar alguma pensão) que medica, deixemos trabalhar aos médicos e por suposto dotemo-los dos recursos necessários.

1 Gamela

Primeiro os metemos en "granxas de vellos" porque a vida capitalista de competitividade cega imposibilita calquera coidado aos maiores (por escaso que sexa), logo aumentan as tarifas das Residencias Privadas facendo do internamento un próspero negocio (coidadores precarios e sen preparación específica!) e por último os deixamos morrer nos lazaretos porque movelos a unha UCI representa un problema económico e social ! O debate está servido, algúns piden directamente o AUTOSACRIFICIO por motivos relixiosos (?) https://twitter.com/00Gamela/status... As poboacións envellecidas con RECURSOS (Austria, Suiza) nunca foron un problema, o problema é a AVARICIA dos que practican o Credo Neoliberal !