Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2020 | Actualizada ás 13:19
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, dixo este luns que lle "gustaría" e pareceríalle "moi positivo" que se estendese ata o 2022 a celebración do Ano Santo 2021. Con todo, matizou que a decisión "non depende" del, senón "do papa e de Roma". "Dependerá do Vaticano esa decisión, nin sequera é algo que corresponda á Igrexa compostelá ou á española", respondeu Bugallo a preguntas dos medios formuladas en rolda de prensa.
Deste xeito, o alcalde compostelán sitúase a favor de prorrogar ata o ano seguinte esta efeméride por motivo da emerxencia sanitaria do coronavirus. No entanto, tras asegurar que a decisión da extensión é do sumo pontífice, Bugallo dixo que "sería moi feliz" se Francisco puidese visitar Santiago en 2021.
FESTAS DA ASCENSIÓN
Ademais, preguntado sobre a celebración das Festas da Ascensión deste ano, que caerían a finais de maio, o alcalde compostelá volveu a mostrar as súas dúbidas con que poidan ter lugar: "Xa veremos". "Estou convencido de que o estado de alarma pode acabar o día 9 (de maio), pero estou convencido de que a emerxencia sanitaria non vai acabar o día 9", respondeu, xa que o levantamento das restricións "será un proceso paulatino".
Neste sentido, Bugallo dixo que se conforma con que Santiago poida celebrar a 'Festa da Primavera' anunciada nos últimos días no marco do plan do Concello para a reactivación económica da cidade. Aínda que este luns avogou por que se celebre "antes do 21 de xuño", o pasado venres xa advertiu que podía atrasarse a "principios de verán ou finais".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.