O Día (e o tempo) das Rapazas nas TIC: por esa nova xeración que racha cos patróns

Máis de 120 estudantes de primaria e secundaria participaron este mércores nunha 'mesa redonda' por videoconferencia con catro mulleres do eido da tecnoloxía.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2020 | Actualizada ás 09:25

Comparte esta noticia

A de hoxe non é unha xornada calquera. Ademais de se celebrar o Día do Libro, este xoves 23 de abril tamén vai dedicado a reivindicar o importante papel das rapazas nas profesións tecnolóxicas. O 'Día Internacional das Rapazas nas TIC', como así se recoñece, é un evento impulsado polas Nacións Unidas que adoita caer a finais do mes de abril. Son moitas as actividades que, aínda en confinamento, se desenvolven nesta xornada ao redor do mundo co gallo de fomentar a educación tecnolóxica dende o inicio da vida escolar e mitigar o sesgo de xénero nestas profesións.

Actividades no 'Día das rapazas nas TIC' do ano pasado
Actividades no 'Día das rapazas nas TIC' do ano pasado | Fonte: ictgogirls

Por parte do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) veñen de organizar un coloquio virtual con catro mulleres do mundo das TIC no que participaron máis de 120 estudantes de educación primaria e secundaria. A 'mesa redonda' en modo videoconferencia estivo conformada por Amparo Alonso, catedrática da Universidade da Coruña (UDC) e presidenta da Asociación Española de Inteligencia Artificial (AEPIA); María Fernández, artista dixital; Isabel Expósito, enxeñeira en telecomunicacións; e Patricia Mañana, arqueóloga especialista en novas tecnoloxías. Ademais, o encontro produciuse tamén coa colaboración do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), da Xunta de Galicia, a Asociación de Mujeres Investigadoras y Tecnólogas (AMIT) e a Asociación.GAL.

Como colaborador desde hai anos nesta actividade, o CPEIG está convencido da

importancia que supón incorporar o talento feminino a un sector clave como o tecnolóxico. “Os días convulsos que vivimos están demostrando a importancia da informática en moitos ámbitos, como o educativo ou o asistencial. É fundamental potenciar a educación

tecnolóxica desde o inicio do proceso educativo, o que sen dúbida mitigaría o sesgo de

xénero destas profesións”, asegura o seu presidente, Fernando Suárez. A informática será básica en máis do 75% dos empregos futuros, de maneira que a carreira pola innovación dependerá da capacidade de atracción de talento e da vocación por fomentar o enxeño, a intelixencia e a imaxinación de toda a mocidade.

Durante o acto, estas catro mulleres galegas que traballan e investigan en ámbitos relacionados coas novas tecnoloxías compartiron a súa experiencia e responderon as dúbidas do estudantado que seguiu o encontro dixital.

VIDEOXOGOS DIVERSOS

 

A artista dixital María Fernández relatou na súa quenda que a industria dos videoxogos é unha “gran descoñecida”, mesmo para as persoas xogadoras habituais. Ao longo do seu discurso fixo fincapé nas "moitas e variadas" opcións laborais que existen neste sector e no importante papel que ten o feminismo na industria.  Aínda que lembrou que tradicionalmente foi un sector masculino con xogos feitos “por e para homes”, nestes últimos tempos agromaron iniciativas como Women in Games –organización que promove os videoxogos como unha carreira para mulleres e da que a propia Fernández é embaixadora– e outras asociacións que están conseguindo diversificar a industria para que sexa "aberta a todos". Xa non só dende o punto de vista laboral, senón tamén como consumidoras.

 

Da súa banda, a enxeñeira en telecomunicacións Isabel Expósito explicou ao estudantado o seu traballo coa medida de sinais electromagnéticos, usados para a caracterización de antenas, tan en auxe actualmente polo cambio de frecuencias na TDT. Isabel Expósito é técnica do laboratorio Antelia e unha das liñas de actividade deste colectivo é analizar a exposición de persoas a campos electromagnéticos.

 

TECNOLOXÍA E ARQUEOLOXÍA

 

Na quenda de Patricia Mañana, esta arqueóloga especialista en novas tecnoloxías aplicadas ao patrimonio relatou á cativada a súa experiencia profesional e ese proceso de aplicación das tecnoloxías á arqueoloxía. O seu interese por estes estudos xurdiu cando fixo un traballo escolar ao redor do castro de Elviña, na Coruña, e reforzouse cando descubriu a muralla dun castro soterrado no monte da aldea dos seus avós. Aí comezou a súa paixón pola arqueoloxía  e máis tarde comprendeu os beneficios de aplicar as tecnoloxías ao seu traballo. “Axúndannos a facer copias dixitais dos restos arqueolóxicos e a identificar novos restos, co fin de obter resultados máis precisos, completos e detallados”.

 

Amparo Alonso, pola súa banda, asegurou que a intelixencia artificial está presente en moitas aplicacións e ferramentas. Ademais, como directora do grupo LIDIA (Laboratorio de I + D en Intelixencia Artificial), composto case á metade por mulleres, destacou o traballo deste equipo de investigación que desenvolve proxectos de I+D en áreas tan diversas como a medicina ou a xestión de incendios.

 

Este xoves é o Día das Rapazas nas TIC, pero máis alá da xornada, este é o tempo delas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta