Os hoteis familiares piden auxilio: "Cando vas por axudas ves que son para grandes empresas"

O Santomé medrou a base de esforzo e constancia dende que subiron ao carro do sector turístico no momento álxido dos anos 70. Daquela era un negocio pequeno e as súas dinámicas nada tiñan que ver coas de agora. Hoxe, perante un futuro difícil, debátense entre o peche ou a volta a aquel modelo.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O hotel Santomé, situado en Gondar, moi preto de Sanxenxo, naceu no ano 1974 a partir dunha casa familiar "normal e corrente, de labranza". Por aquel entón o chamado turismo de 'sol e praia' medraba a ritmo de vertixe e situábase como a mellor oportunidade económica para moitas familias daquel entorno con potencial. "Ao comezo a xente viña ás praias a fin de semana e durmía nos coches porque só había dous ou tres hoteis", recorda Saladina López, a xerente do Santomé. "Viamos que a cousa ía a máis e a máis e fixemos once habitacións no ano 76". A reforma grande chegou dez anos máis tarde, no 1986, cando ampliaron a 70 prazas. 

O Hotel Santomé, despois da súa última reforma
O Hotel Santomé, despois da súa última reforma | Fonte:

"Fixemos bodas, bautizos... fixemos de todo; e todo a base de loita". Daquela as cousas non eran coma agora. "Iamos nós mesmos ás lonxas polo peixe, poñiamos a horta, tiñamos os ovos da casa...". Pouco a pouco, as dinámicas cambiaron ante as esixencias dun sector turístico que avanzaba sen mirar demasiado o que levaba por diante. Unha gran estrada recta atravesa agora parte de Gondar. A un lado e a outro érguense varios hoteis; aínda que entre medias van resistindo leiras e algúns prados con millo.

A CHEGADA DA PANDEMIA

Calquera outro mes de maio, esa gran recta sería transitada por turistas galegos e doutros moitos lugares do estado. Mais a pandemia de coronavirus deixou o lugar sen o seu típico balbordo estacional. "Cando chegou o estado de alarma tiñamos boas reservas. Ao ser un hotel de dúas estrelas dependemos un pouco das axencias de viaxes de autocares e circuítos, e xusto nos colleu o comezo da pandemia cun grupo de Madrid dentro do hotel", conta Saladina. Viñan para se quedar oito días e marcharon ao segundo. Da noite á mañá, todas aquelas boas reservas esfumáronse e o futuro tornouse "moi complicado".

Sobre todo, enfatiza a xerente do Santomé, para os negocios familiares. "Sempre dependemos dos bancos; fómonos facendo a base de créditos e de pagar e pagar. Nós non temos as mesmas capacidades para afrontar esta crise que teñen os hoteis que pertencen a cadeas", relata. O pouco que saben de como poderán voltar ao seu traballo é a través da televisión. "Información directa non temos", aínda que xa prognostican que non lles compensará poñer en marcha todas as medidas sanitarias para abrir de novo. "Poderano facer os de catro estrelas, os de cadeas; pero non están contando cos hoteis pequenos, cos de dúas estrelas".

"ESTA CRISE É PEOR QUE A DO 2008"

"Dependerá do que nos vaian dicindo, pero antes de meterme a un problema que me vai dar máis gastos, prefiro non abrir a porta". Cando a Covid-19 aínda non o revolucionara todo, Saladina afrontaba esta tempada como un "aguante" de cara ao Xacobeo. "Ese era o noso ano de quitar diñeiro". Agora as expectativas cambiaron pero os hoteis da zona aínda manteñen certa "ilusión". "Estamos pintando, estamos arreglando... Estamos a ver que pasa, á expectativa". 

Cos traballadores "na casa", Saladina como autónoma segue pagando todas as facturas. "O hotel está pechado pero os recibos non deixan de vir". Polo momento non contan con axudas económicas - "cando vas por elas ves que son para empresas grandes" - mais prevé que terá que "volver ao banco" a ver se "nos poden botar unha man máis e ir aguantando un pouco". A situación que o sector está atravesando lemba á crise do 2008, aínda que esta é mesmo "peor": "No 2008 sempre había algo, pero agora non hai de onde quitar".

VOLTA ÁS ORIXES?

"Se este ano non se pode, haberá que pechar, vender ou se non isto non o aguantamos. Eu penso que desapareceremos moitos...", conta Saladina. Mais pola súa cabeza tamén lle pasa outra posibilidade: a de volver aos inicios, a aquel negocio cativo, "a escala pequeniña", que só dependía da familia. "Sería retroceder aos anos de atrás, cambiar por completo o sistema". A roda volve ao comezo desta peza, a esa casa familiar "normal e corrente" e, dalgún xeito, tamén á importancia dos prados e dos espazos abertos. "Teño a esperanza de que como aquí, en Gondar, estamos pero non estamos en Sanxenxo, nos teñan un pouco en conta. A xente aquí pode saír, tomar o aire...".

Por último, pídelle ás Administracións que non só pensen en "grandes hoteis ao carón da praia". "Teñen que mirar tamén por nós". Polo Santomé e por tantos outros negocios que naceron "do esforzo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

3 Juan Gavira

Este año la mayor parte de los reportajes de boda cancelados o aplazados para el año que viene.

2 Galileo galiciano

Ana, debes de ser xove é non es consciente da gravidade da pandemia. Eu son maior e lamento a falta de sensibilidade que tes e a mentalidade conspirativa. ESTÁ MORRENDO MOITA XENTE, COÑO!

1 Xoanlicia33

A economía está morrendo, espero que empecen a saír solucións e saísemos do confinamento aos poucos

2 Ana

Si teño sensibilidade, pola saude e pola defensa das liberdades. Sempre dixen que se tiña que protexer aos colectivos de risco pero o resto facer vida normal. Certo, morre xente, mais non sei se mais da que morre habitualmente. Recomendolle que vea en youtube o video co titulo seguinte: "No era pandemia y ha terminado. ¡¡Nos están engañando!!"

1 Ana

Xa vamos vendo de que vai o coronaconto: ruina económica (sobre todo para traballadores e a pequena empresa), restrinxir liberdades a cidadania, vacuna e goberno mundial (Novo Orde Mundial). E sobre todo ter a cidadania sempre con medo para manter o control da "granxa humana" por parte de certas entidades. Por certo, o ultimo video que esta a abrir os ollos a xente ten o titulo "El presidente de Tanzania destapa la verdad".

1 tamiflu

Non te enteras de nada. Igual que cando falas da inmunidade de rabaño. Mira un pouco e a traxedia que sucedería con esas ideas que ao final ninguén puxo en práctica (nin os que as defrndían) porque sería unha ruína económica maior aínda ademais dunha traxedia humanitaria.